«Fai falta que os nenos teñan desde pequenos coñecementos de economía»

Rubén Nóvoa Pérez
rubén novoa OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Carmen Sampayo acaba de cumprir cen días como decana do Colexio de Economistas de Ourense

26 may 2019 . Actualizado a las 08:45 h.

Carmen Sampayo acaba de cumprir cen días como decana do Colexio de Economistas de Ourense. Desde ese altofalante quere facer un chamamento para que se adopten medidas que saquen a Ourense do pesimismo económico e demográfico no que se atopa.

-Como se atopou o colexio?

-A aterraxe foi doada, xa que eu fora secretaria xeral do colexio de economistas durante seis anos, e anteriormente xa fora vocal, polo que foi máis doado que se empezase de cero.

-Pensouse moito dar o paso para ser decana?

-O paso dino cando o decano saínte anunciou que non ía optar á reelección. Os compañeiros apoiáronme moito para que dera o paso pola miña experiencia. Ese apoio incondicional dos compañeiros e tamén da familia, xa que nese momento tiña un bebé dun ano, foi o que me animou, e tamén o feito de pensar por riba de todo no colectivo.

-Por que custou tanto que en Ourense se asentara o colexio?

-Viña orixinariamente dunha sección de Madrid, e xusto agora vai a cumprir quince anos que se escindiu. É un colexio moi recente. Hai que pensar que cando empezamos, que para poder escindirnos de Madrid tiñamos que ser cen colexiados, e agora somos 375, e subindo tan so en quince anos; tendo en conta ademais que a colexiación no noso caso non é obrigatoria. Ten máis mérito, porque toda a xente o fai por vocación e porque cres no colectivo.

-Para que recorren habitualmente os economistas ao colexio?

-Especialmente para a formación, porque estamos nun momento en que é especialmente relevante. A que che dan na universidade é boa, pero tes que seguir reciclándote tamén en función de en que orientes a túa profesión. No colexio damos moita formación e tamén tes o que se chama a marca economista. Estamos todos no mesmo barco no sentido de que queremos defender a profesionalización da economía e dignificala e acabar co intrusismo que estanos a facer moito dano. Hai moita xente que está facendo temas de asesoría ou declaracións da renda e que non teñen formación nin coñecemento. Chámanse asesores, pero non sabes de onde veñen eses coñecementos. Ofrecemos a marca economista, como un selo de calidade. Tamén somos colaboradores de moitas entidades e de moitos organismos. Damos un valor engadido.

-Agora que estamos en plena campaña da declaración da renda. Cre que falta educación fiscal ?

-Si, claro que fai falta unha educación económica. Fai falta entender que é necesario pagar impostos, porque reverten no beneficio da sociedade e fai falta que os nenos teñan coñecementos de economía incluso nas aulas, que non se pode gastar máis do que se ten, e de conceptos básicos como o endebedamento. Todo iso tense que educar incluso desde pequeno.

-Como valora a situación económica da provincia?

-No mes de marzo presentamos o barómetro da economía de Galicia, que está editado polo Consello Galego, e os economistas de Ourense eran os únicos que percibían a situación económica como peor que outros anos. Se profundizas nos datos, ves que é unha realidade. Estamos traballando nun documento no Foro Liceo, que destaca que a situación por exemplo do comercio é mala. E logo está o tema da demografía que é fundamental, porque as políticas que estanse a tomar son cortoplacistas, e teñen que tomarse decisións a longo prazo.

-Que receitas poría enriba da mesa para darlle a volta?

-As medidas non son doadas de levar a cabo. Para min, un dos temas é intentar atraer inversión e actividades produtivas para que se veñan a Galicia. O tema demográfico é unha resposta ao tema económico. Proporía, por exemplo, no tema do comercio unha bonificación no IBI aos locais que se destinen ao comercio tradicional para tratar de compensar esa perda potencial de rendas.

«As mulleres temos que entrar onde se vai a mover a economía no futuro»

A decana do Colexio de Economistas de Ourense logrou romper un teito de cristal ao ser a primeira muller que accedía a este cargo en toda Galicia. Dar ese paso serviulle, entre outros recoñecementos, para formar parte do selecto grupo de Referentes Galegas, unha iniciativa da Asociación de Executivas de Galicia.

No momento de facer balance do seu inicio, quere amosar o seu agradecemento e apoio a Xunta de Goberno, así como a todos os colexiados. Tamén a súa familia, que foi clave para que dese o paso, toda vez que acababa de ser nai por terceira vez.

-Cando deixará de ser noticia que unha muller estea ao fronte dun colectivo?

-Depende no mundo no que te movas. No Consejo General de Economistas hai 33 decanos e tan so somos tres mulleres. Queda moito por avanzar. O problema é que cando cheguemos, será tarde. Temos que mirar máis adiante e seguir as propostas da ONU é que as mulleres se incorporen ás STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), porque é onde se vai a mover a economía no futuro. Temos que saltarnos todos os pasos é entrar nas carreiras tecnolóxicas e científicas, porque senón as mulleres sempre imos a estar por detrás.

-E a presenza nos cargos directivos tamén é importante.

-Si, si, claro iso tamén é moi importante. As mulleres temos outra perspectiva, que non digo que sexa mellor ou peor, e outras prioridades e por iso sería interesante que accederamos máis a ese tipo de postos.

-Que teñen programado para os actos do quince aniversario?

-Celebramos os quince anos no mes de outubro e temos previstas unha serie de actividades para dar a coñecer esa efeméride, que remataremos cunha conferencia con alguén de recoñecido prestixio.