«Teño claro que faría unha oposición moi diferente á que tiven que sufrir»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Jesús Vázquez está convencido de que o PSOE está disposto a pactar con Jácome

24 may 2019 . Actualizado a las 08:25 h.

Despois de catro anos complexo s á fronte da alcaldía, Jesús Vázquez quere repetir. Asegura que as enquisas que prevían un mal resultado estaban viciadas pola proximidade das eleccións xerais: «O resultado nacional foi moi malo pero creo que o efecto Sánchez xa se está desinflando».

-Segundo Sondaxe, a maior parte dos ourensáns cren que a cidade foi a peor nestes catro anos. ¿Síntese responsable?

-Non é así. Probablemente a percepción pode ir por un lado e os feitos van polo outro. Nós tampouco puxemos como prioridade a venda, nin ir presumindo nin facendo inauguracións. Eu poderíalle dicir agora todo o feito. Por exemplo, ninguén discute xa que o AVE está en marcha, ou que a variante norte ten que licitarse si ou si, ou que o centro interxeracional está funcionando, que a biblioteca e o arquivo están rematados, que a praza de Abastos está licitada, a posta en marcha do complexo hospitalario... Honestamente, non houbo nunca un mandato na historia do Concello de Ourense no que se conseguira tanto investimento real.

-Fala do que se fixo, pero non do que non se puido facer, por exemplo, os orzamentos. Por que?

-É verdade e é necesario ter orzamentos. ¿Que pasou? Eu podo dar a miña versión. Eu teño claro que non houbo interese desde o primeiro momento e que se optou por unha política do non polo non para intentar desgastar a Jesús Vázquez. Un partido pensou que poñendo a cidade patas arriba a moción de censura tiña que saír si ou si. Pero había un PSOE que unha parte tiña claro que nunca ía pactar con Jácome e iso sabíase. Por uns intereses ou outros non se permitiu chegar a ese acordo e non foi porque non se intentara.

-Podería aprobalos cunha moción de confianza pero non chegou a tempo.

-Non chegou a tempo porque houbo persoas que, tendo a responsabilidade de informar nunha serie de días, non o procurou e cando chegamos a pleno se votou en contra da urxencia. Pero tampouco foron capaces de xuntarse, se tan malo era, para poñer a outra persoa a fronte da alcaldía. Durante dous anos se estivo falando da moción de censura e iso merma as posibilidades de diálogo. É moi fácil dicir que non se fixo nada, pero o histórico é facer o que fixemos.

-Vostede, que foi conselleiro, sorprendéronlle os problemas administrativos e as demoras dalgúns funcionarios en informar sobre proxectos chave?

-Era moi distinto. Os problemas que hai no Concello de Ourense sorprenden. Danse unha serie de circunstancias. Hai unha falta de recursos humanos moi grande e problemas estruturais. É algo que tiñamos constancia e, cando me presentei no 2015, moita xente dicíame que este era o primeiro problema que ía ter. Por outra parte, eu son funcionario e creo que estou para servir pero o que non se pode é xeneralizar porque a maior parte dos funcionarios do Concello son marabillosos.

-Reclama con insistencia unha maioiría absoluta, pero coa fragmentación actual é difícil, non si?

-Hai que intentalo porque a cidade necesita un goberno con maioría. Así facilítase a xestión e, desde logo, a resolución dos problemas e as demandas da cidadanía. Ademais, a maioría é moi importante porque se non tes as mans atadas. O xogo que se viu neste mandato foi terrible.

-E, en caso de non conseguilo, está disposto a pactar?

-Si. É evidente. Pero se eu ofrecín tres veces ao PSOE entrar no goberno... Ademais eu penso obriga é chegar a pactos incluso aínda que teñas un goberno en maioría.

-O seu exvoceiro, José Araújo, agora candidato de Ciudadanos di que só estaría disposto a pactar co PP a costa da súa cabeza. Que lle parece?

-Non teño opinión. Cada un ten que ser dono das súas palabras e dos seus feitos.

-Dóenlle as súas declaracións?

-Non vou a entrar, non.

-E vostede, estaría disposto a pactar con el?

-Eu estou disposto a traballar pola miña cidade. O protagonismo ten que ser dos cidadáns, non das persoas.

-Se Ciudadanos ou outros partidos piden que dea un paso atrás, faríao?

-A xente vota a un partido, pero tamén vota a unha persoa. Nas últimas semanas hai moitísimas persoas que están dando o seu apoio a Jesús Vázquez Abad e Jesús Vázquez Abad é unha persoa leal e de principios, non o tumba a demagoxia nin a deslealdade. Jesús Vázquez estará aí porque conta co respaldo dos seus veciños.

-Ten confianza plena no seu número dous?

-Si, teño confianza plena no meu número 2, no 3, no 27 e no 37. Somos un equipo.

-Foi unha aposta súa?

É unha aposta de todo o grupo de do propio partido. Vostede acaba de facer referencia a persoas sobre as que tiña confianza e pasou iso. Ao mellor el estame dando moito máis apoio e moita máis confianza.

-Seguiría vostede na corporación no caso de quedar na oposición?

-Si, eu preséntome para traballar pola cidade. Eu estarei encantado de traballar pola cidade. E teño claro que faría unha oposición moi diferente á que tiven que sufrir. O día que eu perda os meus principios e os meus valores, eu marcho.

-Falando de pactos, cre que Villarino e Jácome poden chegar a un acordo de goberno?

-Téñoo clarísimo. Estou convencido de que Barquero nunca pactaría con Jácome e no PSOE se encargaron de fastidialo e de cansalo ata que el dixo: «Ata aquí cheguei». E puxeron de candidato que non negou esas reunións con Jácome en pisos e estou convencido de que en contra do que nese momento era o portavoz local. Estou convencido de que agora si chegarán a ese pacto, pero será destrutivo para a cidade e sairán queimadas as dúas partes.