«O único papel relevante que lle resta a Baltar é a alcaldía de Esgos»

Rodríguez Villarino di que o actual alcalde popular «é unha persoa sen carácter»


Ourense

Renunciou á alcaldía de Amoeiro o pasado mes de abril para liderar o asalto do PSOE á alcaldía de Ourense. Rafael Rodríguez Villarino, psicólogo e profesor universitario, é ademais o secretario provincial do partido. Entre os seus proxectos para o Concello está, de entrada, atender o máis urxente, o mantemento de espazos públicos. E despois, plantexará unha circunvalación, aparcamentos disuasorios, un tranvía, un consorcio termal ou mesmo converter a Ourense na «capital da moda». Ademais, proponse pór fin ao goberno de Baltar na Deputación. «O único papel relevante que lle resta ao presidente provincial é o que de verdade lle corresponde, que é a alcaldía de Esgos. E el xa está preparado para iso, igual que cando o seu pai deixou preparado o relevo na Deputación», di.

-Vese xa como alcalde?

-Eu confío en que a xente nos dea a súa confianza como sucedeu o pasado 28 de abril. Espero que sexa así porque creo que é o que corresponde.

-Converteuse en candidato do PSOE de xeito traumático trala renuncia de Vázquez Barquero. ¿Está agora o partido unido?

-Certo é que cando José Ángel Vázquez Barquero decidiu, por razóns persoais, apartarse da candidatura, nese momento houbo un baleiro e o partido aposta decididamente por implicarse. Neste caso, a unión é de facto porque a secretaría provincial e a agrupación local, que eran os dous polos máis distantes, están unidos.

-As enquisas prognostican un bo resultado para o PSOE. ¿Cre que serían peores con Barquero?

-Creo que son circunstancias distintas. A época na que se presentou Barquero é diferente a actual. Hoxe temos unha corrente que está arrastrando a todo o mundo e iso favorece. Se estivese Barquero, pode que sucedese o mesmo.

-Serían os resultados incluso mellores de non existir Espazo Común?

-Espazo Común non vai obter representación.

-O seu candidato, e outros, recordan que vén vostede de Amoeiro e din que nin sinte nin padece a cidade...

-Se os que senten e padecen a cidade son os que ata agora estiveron gobernando ou estiveron ao seu lado, bastante mellor que veña eu a que sigan eles.

-Que valoración fai do goberno de Jesús Vázquez?

-É un goberno que non existiu. É unha persoa sen carácter, ao fronte dunha alcaldía que non defendeu, con toda a cidade abandonada, desde os servizos ás infraestruturas, unha cidade que neste momento é o exemplo do desleixo. Non existe ningún outro lugar, como pasa aquí, no que ademais de non aprobar os orzamentos en catro anos teña absolutamente abandonado todo. E non pode culpar, como está facendo, á oposición. O alcalde é un home que abdica da súa responsabilidade, sen humanidade e sen sensibilidade e non se pode explicar como, con esta bagaxe, pode volver a presentarse.

-Por que, nese contexto, o PSOE non apoiou unha moción de censura?

-O que tiña que facer o alcalde se tivera un mínimo de dignidade é presentar unha cuestión de confianza. Tivo tres anos para facelo e non o fixo precisamente polo temor a que se lle presentase unha moción de censura. A pluralidade hoxe en día existe en case todos os consistorios e sacan adiante proxectos e orzamentos. Este non.

-E Jácome propuxo a moción de censura.

-Esa moción seguiu o sistema de funcionamento que ten o PSOE, é dicir, grupo municipal, agrupación local, provincial, autonómica e, finalmente, federal. Pero non pasou nin sequera do grupo municipal, non tivo recorrido.

-E vostede, persoalmente, que opinaba? Estaba de acordo con apoiar esa moción?

-En absoluto, eu son unha persoa disciplinada e non tomo decisións ao marxe do partido.

-Jácome di que si, que vostede lle dixo que faría o posible.

-Jácome intentou manipular, como fai moitas veces, e mentir e acusar de mentir os demais, pero non está ben converterse en paladín da verdade cando é xustamente todo o contrario. Ademais é pouco elegante. O único que pretende Jácome é sempre danar a imaxe dos demais. Non propón nada, ignora case todo, non ten ningunha capacidade para plantexar proxectos para a cidade, só ocorrencias, e ademais é unha persoa que desfruta do conflito porque confunde os lugares aos que vai co seu plató de televisión.

-Prefire, polo tanto, un pacto de esquerdas?

-Eu o que quero levar a práctica é o programa do PSOE e, obviamente, con quen non encaixe nesas liñas políticas, non será posible materializalo. Nós non imos mudar o noso programa político, pero nós imos dialogar con todo o mundo, incluído co señor Jácome porque nós respectamos os votos da xente e esa representación política non pode ser ignorada. Nós non queremos actuar con vetos nin bloquear a cidade.

-Coinciden co programa do PSOE propostas como a restrición do gasto en cultura, a baixada lineal de impostos ou a eliminación de dereitos laborais do persoal municipal?

-Non, pero toda esa parte é innegociable. Nós non imos mudar o noso programa para facer un programa de dereitas. Nós chegaremos a acordos con aquelas forzas políticas que plantexen liñas políticas semellantes.

-E, con eses vimbios, cre que é posible chegar a acordos con DO?

-Desde logo, se a base é esa, os vimbios non se axustan.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«O único papel relevante que lle resta a Baltar é a alcaldía de Esgos»