Bieito Ledo: «Quero aportar algo para dinamizar Xunqueira de Ambía»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

O editor xubilado aposta por proxectos para potenciar a agricultura, aproveitar o Camiño Mozárabe e crear unha escola agrícola

21 may 2019 . Actualizado a las 08:17 h.

Un veciño de Bieito Ledo, Juan o carpinteiro, deu nome a un dos proxectos editoriais que marcaron a historia da cultura galega. O mozo Ledo, xa licenciado na Complutense e dando clase de Filosofía, volvía ao pobo e ao preguntarlle ao carpinteiro como lle ían as cousas sentenciou: «O caso e ir indo». E Ir Indo foi unha libraría de Vigo e, logo, unha editorial. Bieito Ledo é candidato do PSOE á alcaldía de Xunqueira de Ambía e acredita no seu obxectivo: «Quero aportar algo para dinamizar Xunqueira. Aproveitar a miña experiencia, agora que estou xubilado, para promover iniciativas e proxectos no meu pobo para tentar loitar contra o abandono e o despoboamento». Dende a súa casa no pobo de Padroso defende a necesidade de promover proxectos agrícolas alternativos e cita exemplos como o de Cerdido -cunha prantación de arandeiras que xenera emprego estable e estacional- ou o da comarca de El Carracillo (Segovia) -onde apostaron polo sector primario e hoxe facturan máis de 100 millóns ao ano-. Aproveitar o potencial que supón o paso do Camiño Mozárabe polo municipio ou crear unha escola agrícola na antiga residencia do bispado -en convenio coa igrexa- son algunhas das propostas. Iso sen esquecer a posta en valor do patrimonio histórico e arranxar o órgano da Colexiata.