O Carballiño chega ás eleccións municipais máis disputadas

x. m. r. OURENSE

OURENSE

Diz

La Voz de Galicia entrevista aos candidatos que poderían ter presenza na futura corporación

18 may 2019 . Actualizado a las 18:00 h.

O Carballiño chega á cita coas eleccións municipais cun panorama radicalmente diferente ao coñecido nas últimas convocatorias. Sete son as candidaturas que optan a contar con representación na futura corporación local. No mandato que agora remata houbo un goberno en minoría e a dispersión do voto non parece ser propia a que haxa unha maioría absoluta logo do 26 de maio.

«Temos que ampliar o parque empresarial e dinamizar o rural»

Transformar a actual estación de autobuses en Casa da Xuventude será unha das prioridades

MIGUEL VILLAR

Afronta Francisco Fumega unhas novas eleccións municipais, as terceiras como candidato á alcaldía, e faino logo dun mandato en minoría. Considera que nestes catro anos se puxeron as bases para o desenvolvemento que se deberá realizar agora.

-Estivo na oposición e no goberno. Como valora estes catro anos como alcalde?

-Creo que fixemos un bo traballo, reordenando o Concello para rebaixar a débeda e coa adquisición de solo municipal. Nun orzamento de 10 millóns temos un superávit de 1 millón de euros, que é o que nos permite facer as obras de mellora e acondicionamento de viais, espazos públicos, Casa da Cultura e outros lugares.

-No 2015 sinalaba o termalismo como unha das prioridades?

-Nese apartado o cambio é sustancial: o novo balneario de As Caldas de Partovia é unha realidade e o proxecto do Gran Balneario do Carballiño está presentado e pendente do inicio.

-E a Residencia de Tempo Libre?

-Entre tempada, encontros e demais está funcionando nove meses ao ano. O obxectivo que me marcaba era conseguir que abrirse todo o ano, e seguiremos tentando que así sexa porque é importante para dinamizar o pobo.

-Que obxectivos se marca de cara a un próximo mandato?

-A ampliación do parque empresarial é urxente para crear emprego. Temos un grave problema demográfico, que está deixando sen veciños as parroquias, e debemos buscar medidas para reactivar o noso rural. Mercar solo para dotarnos de máis espazos públicos no pobo, potenciar todo o relacionado co termalismo ou dinamizar o entorno do parque etnográfico son algunhas das iniciativas a desenvolver.

-Cando abrirán o Museo do Papel?

-Fíxose moito traballo nestes anos, aínda que son cousas que non se ven -luz, saneamento, o espazo de recepción- e agora temos alí un obradoiro de emprego. Nun ano, ou ano e medio, xa debería estar funcionando como un gran espazo cultural.

-Vostede non reclama un novo centro de saúde?

-Son partidario de mellorar o que hai na actualidade e adicar o edificio da estación de autobuses a Casa da Xuventude. Ao estar xunto ao Auditorio a zona pasaría a ser un gran espazo para a cultura e a mocidade.

O veterano político que pode chegar a ser quen decida o futuro da vila

Pachi Vázquez, exsecretario xeral del PSdeG, al optar a la alcaldía de O Carballiño en el 2019 por Espazo Aberto
Pachi Vázquez, exsecretario xeral del PSdeG, al optar a la alcaldía de O Carballiño en el 2019 por Espazo Aberto Santi M. Amil

Nun escenario político como non se coñecía -con sete candidaturas- Pachi Vázquez tenta marcar o ritmo da campaña cun novo proxecto e moitas contas pendentes. Chegou á alcaldía en 1995 e nada máis tomar posesión anunciou a creación da primeira escola taller da vila e o nome de quen sería o seu director. Hoxe dispútalle a alcaldía. Cun goberno en minoría e a división de voto, ao incrementarse de forma considerable as candidaturas presentadas, Espazo Común podería estar en disposición de marcar o futuro do Carballiño.

«É urxente acometer a reforma interna do concello»

MIGUEL VILLAR

Alternativa Veciñal do Carballiño chegou á corporación hai catro anos e o obxectivo, segundo o seu portavoz e candidato, Bernardo García, pasa por consolidar e ampliar a representación.

-Agarda contar cunha maior presenza na corporación?

-Sen dúbida de ningún tipo. Fomos os únicos que realizamos unha oposición construtiva e mesmo chegamos a acordos para favorecer o goberno municipal, aínda que o incumprimento dos mesmos por parte do PSOE é de todos coñecido.

-A recuperación de servizos será un dos obxectivos?

-Nós mantivemos esa demanda, e fomos os únicos que o fixemos, e seguiremos nesa liña. O Carballiño ten que remunicipalizar servizos para aforrar diñeiro, en lugar de regalarllo ás empresas, e destinalo ás necesidades dos veciños.

-Que prioridades se marca?

-É urxente acometer a reforma interna do Concello. Temos 130 traballadores en plantilla e só uns 30 entraron por oposición. O resto todos sabemos como entraron e as prácticas que houbo. O resultado é un concello que non funciona e non conta con traballadores axeitados para dar respostas ás necesidades reais, e que o goberno ten que tirar de talonario para contratar a empresas ou traballadores externos para solucionar.

«Imos ser a chave de goberno nos próximos anos»

MIGUEL VILLAR

Dende a súa ampla experiencia política, Chema Ferreiro ve un panorama electoral que vai deixar un escenario difícil de cadrar para conseguir un goberno para os próximos catro anos. O nacionalista afronta unha a campaña co valor engadido dos novos tempos que se viven no nacionalismo.

-O do movemento de volta é un mito ou unha realidade?

-É certo. Ves como hai xente que volve apoiar ao BNG e como se está a valorar o traballo que nós facemos. Chégache no día a día e iso fai que traballemos con boas perspectivas.

-Como valora o mandato?

-Iso farano os electores. No meu caso o que debo salientar é que nós fomos a única oposición, os que aportamos e traballamos cunha visión construtiva e en positivo, e o valor do noso traballo é o que nos caracteriza.

-O futuro pasa por?

-Dinamizar as asociacións e a participación cidadá, potenciar o turismo, ampliar o parque empresarial, darlle máis voz e oportunidades á mocidade e erradicar o chabolismo -non está no noso concello pero somos os que padecemos a situación-, entre outras cousas.

-Espera ampliar presenza?

-O BNG vai subir e imos ser a chave de goberno nos próximos anos porque non haberá maioría absoluta.

«Non podemos seguir coas políticas de parches»

MIGUEL VILLAR

Aínda que cunha ampla experiencia na militancia política, Ricardo Perea asume por vez primeira o reto de liderar a candidatura do PP. A súa aposta, sinala, pasa por desenvolver políticas globais para conseguir que O Carballiño recupere o liderado que tiña hai anos como a principal vila da provincia e se converta de novo nun lugar que sirva de polo de atracción para a xente pola súa calidade de vida.

-E a súa primeira campaña. Como valora a experiencia?

-De xeito moi positivo. A hospitalidade da xente, o contacto cos veciños, o coñecemento das demandas e dos problemas da vila son aspectos moi enriquecedores. Está sendo unha gran experiencia e moi gratificante.

-Cales son as accións de futuro ás que se refire?

-Non podemos seguir coas políticas de parches. De arranxar isto aquí, o outro alá, e de agardar a que todo se veña abaixo para buscar unha solución. Hai que facer unha previsión do que queremos para O Carballiño a anos vista e establecer un plan para ir cumprindo os obxectivos para conseguilo. Nós estamos en condicións de facelo e preparados para gobernar dende o primeiro día.

-O proxecto deportivo da Uceira sería un exemplo?

-Si. Prantexamos crear unha grande área que servirá para os deportistas, os veciños da Uceira e ao colexio público.

-Tamén presentou unha proposta para a zona empresarial.

-Necesitamos, xa, ampliar o polígono. É urxente facelo en colaboración co Concello de Maside, mediante un consorcio, e solicitar as axudas correspondentes ás administracións. Xa se debería ter feito hai tempo.

-Que accións do seu programa destacaría?

-Entre outras, nos apostamos por crear un novo centro de saúde na actual estación de autobuses, crear unha segunda Galiña Azul e máis medidas para favorecer a conciliación, promover un plan de servizos e dinamización do rural e potenciar medidas de axuda para o pequeno comercio, que é vital para O Carballiño.