«Se depende do BNG, a dereita non vai gobernar en Ourense»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

Luis Seara di que o Bloque é unha garantía para terminar co baltarismo na Deputación

16 may 2019 . Actualizado a las 08:18 h.

É responsable local do BNG desde o 2017, pero leva moitos anos traballando para o partido. Agora Luis Seara é, ademais, o seu candidato á alcaldía.

-Pasou a tormenta no BNG porque son menos ou porque a organización virou o seu rumbo?

-Pasou a tormenta porque desde hai moito tempo, e feita a necesaria autocrítica, puxémonos a mirar adiante. O certo e que, aprendendo dos erros, hoxe estamos intentando construír un proxecto de futuro. Somos unha organización absolutamente unida e, ao final, resulta que aos que dicían que o BNG era o problema, a realidade demostroulles que non era tan así.

-O BNG foi interpelado varias veces sobre a unidade da esquerda. Por que sempre dixo non?

-Porque nós xa somos un proxecto de confluencia. O BNG foi a casa común do nacionalismo e o segue sendo. Se se trata de construír un proxecto de país, xa existe e eu creo que non é necesario buscar novos proxectos.

-¿Que tería feito distinto o Bloque se estivese neste mandato na corporación?

-A oposición, cun goberno en minoría, non foi capaz de provocar un cambo de rumbo nas políticas municipais. Xogaron máis a ser alternancia que alternativa e aí está o feito de que chegaran a sentarse a pactar unha presunta moción de censura que ao final non foi a termo.

-¿Que faría o BNG nese escenario da moción de censura? ¿Apoiaría a Jácome?

-Falar do pasado non resolve nada. Agora toca falar de futuro. O BNG é unha forza dialogante, sen apriorismos e a urxencia da cidade obriga a falar con todo o mundo. Outra cousa é conformar maiorías para gobernar. Nós pensamos que está todo por decidir e non nos pomos limites. O que si poden ter claro os veciños é que, se depende do BNG, a dereita, en todas as súas modalidades, non vai gobernar en Ourense.

-Se o socialista Villarino é finalmente o máis votado, ¿cre que optará por un pacto de progreso?

-A verdade é que non son futurólogo, pero as veces que foi interpelado non foi capaz de desfollar a margarita. Sería bo para os veciños saber cal é o seu socio preferente, pero se el non o desvela igual hai que intuír que ao mellor si teñen un interese en pactar con Democracia Ourensana. Se non o tivera, diría claramente que non.

-O alcalde di que, pese ao bloqueo, fixo moitas cousas...

-Sería desde logo inconcibible que non fixera cousas, pero a cuestión é cal é a sensación que ten a cidadanía da rúa. Todo o mundo coincide en que o Concello está paralizado e nunha situación de decadencia e de deterioro enorme. Cando coincide todo o mundo, será porque algo de verdade hai. Eu creo que Jesús Vázquez non soubo aproveitar un momento que xa nos gustaría a outros, cun goberno amigo no Estado, Xunta e na Deputación, neste caso polo menos en canto a siglas.

-Que prioridades debe ter o Concello a partir do 27M?

-A primeira é dotar de seguridade xurídica ao Concello para que os posibles inversores empecen a mirar para nós. Comprometémonos a facer unha segunda exposición pública do PXOM porque un instrumento tan importante coma este debe ser participado polos veciños. Ademais hai que devolverlle o esplendor a esta cidade actuando desde o máis básico, como a limpeza ou o mantemento de parques. E hai que cambiar o modelo do termalismo para xerar valor engadido e crear emprego, axudar ao comercio de proximidade, plantexar unha estación intermodal que permita a permeabilidade entre os barrios da Ponte e O Vinteún...

-Ante un escenario con tanta fragmentación na esquerda. Que oferta diferente o BNG?

-Varias cousas. Non só unha forza política seria, rigorosa e solvente que alí onde goberna, xestiona de forma eficiente e responsable e ademais transforma. Hoxe somos un exemplo en todo o mundo en canto a modelo de cidade en Pontevedra. E o que só podemos ofrecer nós é un dique de contención contra o baltarismo. Se hai unha posibilidade real de votar fóra a Baltar da Deputación é o BNG porque temos unha moi potente estrutura na provincia. Outras forzas políticas non poden dicir o mesmo.