Fernando Dacosta: «A resposta do público é o que che dá ánimos para seguir traballando»

O director do festival considera que a lei de contratación coa administración «está indo contra a cultura»


ourense / lA VOZ

Anda canso estes días. A tensión e a intendencia da Miteu pasan factura. Case que un cuarto de século de páxinas escritas por unha Mostra de Teatro Universitario de Ourense que leva apostado dende os seus comezos pola visión social e o compromiso, mesturando nos últimos anos as montaxes de grupos profesionais coas propostas de compañías universitarias de toda a península e de países de todo o mundo. O 2020 debería ser unha festa, a dos 25 anos, aínda que Fernando Dacosta mira o presente e o primeiro é deixar pechada a Miteu 2019, xa que logo da clausura aínda quedan moitas xestións que facer -ese traballo que non se ve pero que é fundamental- para pórlle o ramo ao festival.

-Aínda que falta cadrar as cifras e os datos, cal é a valoración desta edición?

-En canto a público é semellante ao pasado ano. Hai cousas que nos afectaron nesta edición, como algúns horarios ou as datas. Vemos que as funcións ás oito da tarde no Principal fan que a xente ande moi xusta ou non chegue e que ao cadrar nestas datas de maio o público universitario, xa metido en exames, se resinte. En abril a resposta deste sector sempre é mellor. No outro extremo está a moi boa acollida dos espectáculos de rúa.

-Satisfeitos da aposta polas problemáticas sociais?

-A resposta destas montaxes e das cousas que te recarga e che dá ánimos para seguir traballando. Foi emocionante ver como en espectáculos cunha fonda conciencia social -como os de Costa Rica, Nicaragua ou México- a montaxe transcende o papel, por ser unha realidade tan próxima a eles, e a xente remata con bágoas nos ollos ao coñecer de primeira man esas situacións. Ou vivir unha experiencia como a protagonizada polo grupo de Lisboa, que mesturaba teatro e circo e contaba con actores con síndrome de down. Ver como transmitían e conectaban cos espectadores e poñían ao público do Auditorio en pé, aplaudindo, son esas cousas polas que paga a pena loitar.

-Falemos de atrancos. Que pasou co catálogo?

-Eses son aspectos que te van desilusionando: traballas arreo para poder traer a 28 compañías, 29 espectáculos, e logo hai compromisos que non se cumpren. Rebaixáronos a axuda económica e houbo unha serie de acordos, un deles era a edición do catálogo, e finalmente non se fixo. E iso déixate sen un dos mellores soportes para publicitar o festival e sen ese valor engadido que lle dá aos actores novos que participan, que ao mellor é a primeira vez na que aparece o seu nome impreso nunha publicación deste tipo. Na miña opinión, a Lei de Contratos coa Administración Pública está indo contra a cultura, e a interpretación que se fai dela moito máis.

-Que o cartel fose premiado pola Federación Española de Festivais Universitarios dálle un valor engadido a esta edición?

-Esa é outra, porque agora seica non podemos facelo pola nosa conta e disque o temos que sacar a concurso. Non creo que unha acción artística se poda meter nesa burocracia, en todo caso a impresión. Nós traballamos sempre con Suso Díaz, ata que morreu, e dende entón con Disigna Edenia. Algúns quixeron ver polémica no feito de que aparecía unha esvástica mais esa foi unha lectura simplista. O cartel reflicte sempre a filosofía do festival e das súas obras e unha delas referíase a esa etapa. Mais tamén aparecían a bandeira española, as referencias ao Ku Klux Klan, ao muro da emigración -que mata a milleiros de persoas- ou ao vingador, que simboliza o feito de que a cultura pode servir para reverter as situacións recollidas no traballo de Disignia Edenia.

-Como celebrarán os 25 anos de historia?

-Primeiro agardando que a haxa. Parezo Arsenio Iglesias, mais as precaucións son necesarias. Por parte de Cultura temos o compromiso pero hai moitas cousas que cadrar: haberá que ver que corporación sae das eleccións, os posibles cambios na Universidade e se seguimos contando co apoio da Deputación. Son as catro patas coas que temos que contar. E se non se fai, deixalo o máis dignamente posible.

«O escenario é o que me fai feliz, a dramaturxia é unha satisfacción a maiores»

A Miteu chegou precedida dun importante recoñecemento, xa que as aulas de teatro universitario de Ourense e Compostela recibiron o Premio de Honra Marisa Soto dos María Casares, os galardóns da escena galega.

-A distinción do sector dá un novo sentido ao proxecto?

-A aula de teatro empezou no ano 1991 e coa Miteu levamos 24 anos. Que se valore o traballo sempre é un orgullo e un agradecemento, aínda que algúns non se decaten porque só nos deu os seus parabéns a Universidade. Tampouco queremos flores, só seguir traballando, mais sempre se agradece o xesto.

-Canta xente leva pasado polas aulas da Universidade?

-Temos tres niveis, máis outra de teatro infantil. Unhas 600 ou 700 persoas pasarían polo proxecto. Refírome a que fixeron os tres cursos. Se contamos participacións puntuais ou actividades illadas estamos a falar de milleiros de persoas. Sen esquecer nunca a importancia do traballo a prol do teatro de base.

-Con case trinta anos de historia haberá moita xente formada en Ourense no sector.

-Antigos alumnos das aulas son hoxe profesionais no teatro e na televisión. E outros xa son profesores en institutos e noutros centros de ensino. Sempre digo que xa temos fillos e netos na escena galega.

-A Miteu pechouse cunha montaxe de Maricastaña sobre unha dramaturxia súa. Síntese cada vez máis cómodo como autor?

-As xestións e a burocracia cada vez ocupan máis parte do meu tempo, a Miteu é un bo exemplo, pero a min o que me gusta e me fai feliz é o escenario, dende todos os puntos de vista. Estar sobre as táboas ou como actor na televisión é o que me enche, aínda que facer un texto e axudar á formación me dá unha satisfacción especial a maiores.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Fernando Dacosta: «A resposta do público é o que che dá ánimos para seguir traballando»