A fotógrafa Virgina Rota  presenta un libro co ensaio fotográfico «O mundo ao principio»

La Voz OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Este traballo foi gañador  do premio Galicia de Fotografía Contemporánea

03 may 2019 . Actualizado a las 14:38 h.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu  na galería Photoart de Ourense, á presentación do novo libro de Virgina Rota no que se inclúe o proxecto co que a fotógrafa gañou a sexta edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea. Trátase dunha publicación que contén, ademais das imaxes de Rota, textos do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e está deseñada por Xosé Lois Vázquez e editada por Difusora de Letras Artes e Ideas. O Premio Galicia de Fotografía Contemporánea ten por obxecto promover a fotografía contemporánea e está dotado cun único premio que consiste na produción dunha exposición temporal no marco do Festival Outono Fotográfico e que poderá itinerar durante dous anos, a edición do libro presentado hoxe e a inclusión do traballo do gañador no libro do Festival Outono Fotográfico do ano seguinte.

 Nesta sexta edición, foi galardoado o ensaio fotográfico O mundo ao principio, de Virgina Rota. Trátase dunha pesquisa sobre a infancia e a inocencia. A través de imaxes propias e algunhas realizadas polos propios rapaces, Rota fai unha procura persoal acerca de dous conceptos que non sobreviviron á morte da súa nenez: a beleza e o importante.