Iván Olmos (En Marea): «Só nós estamos abordando o problema da demografía»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE

Agostiño Iglesias

A diferenza coa En Marea do pasado é que esta «non ten ningún tipo de tutelaxe», di o candidato máis novo da provincia

22 abr 2019 . Actualizado a las 08:11 h.

Ser campión mundial universitario de debate abriulle algunha porta en política pero el pechouna por «unha cuestión de principios éticos», asegura. Ideoloxicamente non estaría cómodo como si está con En Marea. Iván Olmos, nado en 1994, é o candidato máis novo da provincia. «Penso que é un elemento diferencial e, sobre todo, nunha provincia como Ourense», di.

-Que lle pareceu a forma de actuar dos deputados de En Marea na pasada lexislatura?

-Cando En Marea tivo que apoiar melloras e avances sociais, como o aumento do salario mínimo, alí estaban. O problema é que, cando se tivo que falar de investimentos territoriais para Galicia, aí foi cando outros se baixaron do carro. A diferenza entre a En Marea que se presentou aos comicios do 2016 e a de agora é que esta non ten ningún tipo de tutelaxe.

-E non é un problema a nivel electoral dividir forzas?

-Estamos nun momento no que o voto está máis fragmentado que nunca e non só na esquerda, tamén na dereita. Eu penso que non hai que tratar á xente como se fose parva. Os medios informaron de todo o que ocorreu coa fragmentación da esquerda, a xente viu, leu, escoitou e agora tamén están coñecendo os proxectos de cada un, as súas diferenzas, e en base a iso terá que tomar unha decisión.

-Sen embargo, desde fóra, en políticas sociais, por exemplo, non se aprecian moitas diferenzas con Unidas Podemos.

-Hainas. Non son diferenzas importantes, pero En Marea ten como un dos principais eixos estratéxicos a trazar nesta campaña a loita contra a despoboamento desde un punto de vista transversal. Nós defendemos a blindaxe dos servizos públicos de proximidade para evitar, por exemplo, o peche dos colexios do rural. Só nós estamos abordando a realidade da demografía. Claro que temos que falar das infraestruturas estratéxicas, pero semella que a Galicia interior non lle interesa ao resto dos partidos.

-E respecto das infraestruturas, que prioridades ten En Marea na provincia?

-Cando se lle preguntou á ministra de Hacienda dixo que a Galicia xa se lle deu moito diñeiro co AVE, pero Ourense é moito máis. A ninguén se lle escapa que se Ourense non estivera onde está nin sequera tería o AVE; non é un favor que non estean a facer á provincia e a costa diso non podemos lexitimar abandonar o resto. Que pasa coa mellora das estradas nacionais que conectan as principais cabezas comarcais? Que pasa coa autovía Lugo-Ourense? E temos que modificar o trazado da conexión Ourense-Ponferrada para que non pase pola Ribeira Sacra e sexa un problema para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade. Hai que facela, pero cun novo trazado. E unha demanda fundamental de En Marea para vertebrar o territorio é un ferrocarril de cercanías.

-Teme que as chamadas ao voto útil en clave nacional polo avance da ultradereita poidan restar votos a En Marea?

-Sempre hai ese risco. Nesta provincia hai catro deputados e o carto deputado pode ir para Ciudadanos, para o PSOE ou para nós. Hai moita xente progresista en Ourense que non quere ver un goberno das tres dereitas e quédanlle dúas opcións: o PSOE ou En Marea. Cal é o verdadeiro voto útil? Preferimos un deputado do PSOE que, cando se presenten uns orzamentos que recortan os investimentos na provincia, vote que si porque llo di o partido? Ou preferimos un deputado que non teña tutelaxe de ningún tipo? Se eu son deputado non vou permitir un goberno das tres dereitas, pero loxicamente non vou ser un cheque en branco para ninguén, nin para Pedro Sánchez nin para Podemos.