Ledicia Piñeiro: «Se non hai ninguén para evitalo, o PSOE fará políticas de dereitas»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

A exconcelleira da marea ourensá fai fincapé nas políticas sociais e distánciase do proxecto de En Marea

21 abr 2019 . Actualizado a las 10:42 h.

Recentemente deixou o escano de concelleira de Ourense en Común, polo que cobraba a tempo parcial, para poder centrarse no seu traballo como educadora nunha fundación, pero agora Ledicia Piñeiro (Ourense, 1987) recunca como candidata ao Congreso de En Común Unidas Podemos. De saír deputada, tería unha excedencia por dedicación ao cargo e poderían substituíla no seu posto a tempo completo. Agora milita no partido de Pablo Iglesias, que se presentará nas municipais ao marxe de Ourense en Común, formación pola que ela foi concelleira. Piñeiro confesa que aínda non sabe a cal das dúas candidaturas votará.

-Saíndo dun movemento de base cidadá, como o de OUeC, ¿cómo leva ser a candidata dunha coalición de partidos tradicionais?

-Eu militei desde os 16 ata os 28 anos en Esquerda Unida. No ano 2014, en xaneiro, deixeino porque quería descansar, velo desde fóra. En xuño móntase Ourense en Común, pídenme participar e eu súmome en setembro. Quero dicir que a militancia nun partido non é allea. É verdade que o municipalismo abriunos outras portas cidadás moi interesantes, pero para nada me sinto incómoda nun partido político.

-Coa división de En Marea por un lado e Unidas Podemos polo outro, gaña realmente alguén?

-Neste caso somos proxectos políticos distintos, ben distintos. Poden parecer similares, pero eu creo que non. O traballo no Congreso destes últimos anos de Yolanda Díaz, Antón Gómez-Reino e Ángela Rodríguez demostrou claramente quen ten vontade de ser unha peza clave nun Goberno para a xente, forzando ao PSOE a que faga políticas polo ben común, e quen ten máis interese de quedarse atrás, na oposición, facendo moito ruído se queres, pero non sendo decisorios.

-Eses deputados dos que fala apoiaron os orzamentos que propuña Pedro Sánchez e que reducían as inversións na provincia. Está de acordo?

-Esa era unha votación para iniciar o debate. As compañeiras votaron a favor porque eran os orzamentos máis sociais da historia da democracia española, con medidas que evidentemente benefician á provincia de Ourense, como a suba do salario mínimo. E, ademais, nós tiñamos máis de 300 medidas para toda Galicia e estaba aberta a porta de negociar. De non chegar a esas demandas poderíase votar en contra na votación definitiva, pero pechar as portas a uns orzamentos definitorios para as políticas sociais sería irresponsable.

-Que prioridades ten Unidas Podemos en materia de infraestruturas para a provincia?

-Galicia ten un rural disperso e necesitamos unha rede de cercanías que non sexa do século XIX, melloras no transporte público, liñas de autobuses, transporte metropolitano... Tamén precisamos que a chegada do AVE sexa sostible e respectuosa e que sexa pola variante exterior que se nos prometeu e que desde o Ministerio nos dixeron que só era para que chegásemos cinco minutos antes a Madrid, o cal foi unha falta de respecto bastante grande.

-Sendo tradicionalmente tan difícil romper o bipartidismo na provincia, ten esperanzas reais de lograr representación?

-Si que as temos. Temos a certeza de que estamos nun momento clave, non só porque temos números para sacar representación en todas as provincias, incluída Ourense, senón porque eses números nos van colocar nun lugar de Goberno.

-Non teme as apelacións ao voto útil do PSOE para frear á ultradereita?

-Non, porque sabemos que o voto útil está en Unidas Podemos. Debemos ter forza suficiente porque, se non hai ninguén para evitalo, o PSOE fará políticas de dereitas, sexa en soidade ou pactando con Ciudadanos porque xa o fixo. A maioría das conquistas desta lexislatura non se terían conseguido sen a presión de Unidas Podemos.