«O galego debería ter na xustiza a mesma presenza que ten o castelán»

Marta Vázquez Fernández
marta vázquez OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

O lingüista Xulio César Álvarez axuda a funcionarios e profesionais dos xulgados no uso da lingua

03 abr 2019 . Actualizado a las 13:44 h.

O uso do galego na administración de xustiza aínda é minoritario. Cando se cumpren 34 anos da primeira sentenza publicada no idioma autonómico ?foi o 27 de marzo de 1985? non son moitas a veces nas que o galego se utiliza nos escritos que se ditan nos xulgados. A pesares disto os traballadores da xustiza teñen o seu alcance un equipo lingüístico que ten como función servir de soporte técnico para que poidan desenvolverse coa maior corrección posible. «O noso traballo céntrase na tradución e corrección de textos entre galego e castelán, aínda que ás veces facemos cousas noutras linguas, a maioría en portugués», explica Xulio César Álvarez, lingüista e responsable do equipo de Ourense, que como os das outras provincias galegas depende da Dirección Xeral de Xustiza.

A tradución ao portugués faise necesaria nas ocasión nas que un delito se comete nunha zona fronteiriza, aínda que a maior parte do traballo deste equipo, con sede no edificio xudicial de O Couto, céntrase na tradución do castelán ao galego. «O problema é a infrautilización», advirte o lingüista, que recorda que «dentro do proceso de normalización lingüística, a xustiza é a menos normalizada».

O feito de que as competencias sexan de varias administracións e a falta dunha lexislación específica poderían ser os motivos que explican a situación actual. «Cada vez o uso do galego é maior na xustiza, pero non está aos niveis que pode haber noutras administracións, como educación», explica o experto, que admite que aínda que esa lingua é moitas veces a que utilizan os funcionarios e os profesionais a nivel oral, a nivel escrito a cousa cambia. «Creo que o que hai que buscar é que o documento final, a sentenza, se faga en galego e en castelán», di o experto, que recorda que aínda que os cidadáns implicados en procesos xudiciais poden pedir que as súas resolucións se publiquen en galego, na realidade son poucos os que o fan. «Ese compromiso por parte dos cidadáns non é habitual».

En canto a formación, os funcionarios da administración de xustiza teñen coñecementos, «porque están moi valorados no concurso», polo que a maioría están capacitados para facer documentos en galego, «aínda que sempre che piden axuda para comprobar que está ben». No caso dos xuíces, algúns dos cales poden ser de fóra de Galicia, o habitual é que pidan que un texto se pase do castelán ao galego.

Para Xulio, buscar unha solución «que non sexa traumática», non é sinxelo, aínda que considera necesario que se vaian dando pasos. «Vas dar unha volta polos xulgados e escoitas a maioría da xente falar en galego; o problema xorde cando nos metemos co documento escrito». Tamén ve outro problema engadido nas ferramentas informáticas. «Os programas de xestión non son da Xunta, e aínda que nós traducimos parte deles, non acaban de funcionar», di.

Todos os anos dende o servizo faise unha memoria. As reivindicacións non varían. «Debería haber unha regulación mínima», considera Xulio, que bota de menos acordos entre as administracións competentes para dar pasos. «Eu non digo que se galeguice a administración de xustiza, pero polo menos que o galego teña tanta presenza como o castelán», asegura. Recorda que o funcionamento do servizo de Ourense, que conta cun lingüista e un tradutor, é áxil e eficaz, xa que os traballos resólvense polo xeral no mesmo día, nunhas poucas horas. «Hai recursos para que se fagan máis cousas, e se non se fan é porque non hai vontade nin tampouco directrices», opina o experto, que admite que no día de hoxe o asunto depende de posturas individuais. «Se un xuíz avoga por fomentar o uso do galego no seu xulgado, iso se normaliza, pero logo pode cambiar o titular e mudar tamén a dinámica», explica Xulio, que recorda que todos os que queiran facer cousas en galego e non teñan a capacidade, «poden contar con nós». Ademais, aposta por un maior compromiso dos letrados da Xunta e tamén por convenios cos colexios de avogados e procuradores, para que usen máis o galego nos preitos.