Manuel Portas: «Hai unha especie de moralidade pública cos cursos para recuperar puntos do carné»

O escritor presentou na Deputación a novela coa que gañou o premio Blanco Amor


O compostelán Manuel Portas (Barcelona, 1960) convertíase hai uns meses no gañador do premio Blanco Amor de novela. A obra «Por puntos» foi presentada onte nun acto no que participaron, xunto ao autor, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o presidente da editorial Galaxia, Antón Vidal. Os protagonistas da obra son os participantes nun dos cursos organizados para recuperar os puntos do carné de conducir.

-Xa se tiña presentado á convocatoria do Blanco Amor?

-Non. Como dixen na presentación da obra é un premio que impón, que xenera vertixe pola nómina de xente galardoada e o que representan na literatura galega. Pero as cousas ás veces son así: tiña rematado o orixinal e díxenme a min mesmo «por que non»... e foi un sorpresón!

-Tamén sinalou na presentacion que era una novela para gozar, non para estudar.

-Esa é unha premisa básica. Sempre. Son ensinante de literatura e manteño que a literatura é para gozar, para vivila, non para estudala.

-Existe esa realidade escura dos puntos do carné?

-Si. Hai como unha especie de moralidade pública na que se mira mal á xente que debe acudir aos cursos porque tiveron unha sanción por exceso de velocidade, superar a taxa de alcohol ou calquera outra infracción. É os afectados ocultan o que lles pasou ao sentirse reprobados. Na maoiría dos casos non o din nin no traballo nin na familia.

-E aí comeza todo?

-Si. Os protagonistas son as persoas que participan nun destes cursos. Son xente normal, descoñecidos entre eles, que durante eses días deben convivir e compartir as súas inquedanzas, problemas e realidades. E, como pasa nestes casos, tamén se dan situacións traxicómicas e histriónicas.

-Tiña coñecemento de causa?

-Non. Pareceume unha boa historia e daquela estiven preguntando ata que conseguín contactar cunha persoa que é profesor de autoescola e que imparte este tipo de cursos de fin de semana para recuperar os puntos do carné. Estivemos falando para documentarme e coñecer a realidade e as situacións que se dan nestas xuntanzas. E a partir de aí fun creando os meus personaxes, que non responden a casos reais, para que parecesen o máis verosímiles posibles.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Manuel Portas: «Hai unha especie de moralidade pública cos cursos para recuperar puntos do carné»