O proxecto «O Camiño do viño» promocionará O Ribeiro como destino enoturístico

Haberá unha campaña nas redes sociais, visita de xornalistas e unha presentación en Compostela


ourense / la voz

O Ribeiro é a segunda denominación de orixe máis antiga do Estado, só por detrás de La Rioja, e xunto ao viño -a súa identidade secular- conta cun amplo potencial no que se conxugan aspectos como a historia, o patrimonio, a paisaxe singular e unha grande riqueza termal. Todo iso é o que se vai espallar e promocionar cun novo proxecto vencellado ás rutas do viño. O Camiño do viño. Ruta do viño do Ribeiro é unha nova proposta para posicionar a comarca como destino enoturístico que foi presentada onte polo presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Juan Manuel Casares, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, e Francisco José Fernández Pérez, presidente do Xeodestino O Ribeiro-Carballiño e da Mancomunidade Turística Terras do Avia.

«O obxectivo principal desta colaboración é facer unha fronte común que aposte decididamente por potenciar o territorio do Ribeiro; revitalizar unha comarca vitivinícola histórica e potenciala coma destino enoturístico. Para iso poñerase en valor o territorio, a paisaxe, os recursos arquitectónicos culturais e outros coma o termalismo, utilizando o viño Ribeiro e a riqueza da súa historia como fíos condutores», segundo sinalou Casares Gándara. José Manuel Baltar salientou o feito da colaboración entre catro institucións para o traballo conxunto e referiuse á chegada da alta velocidade e ao Xacobeo 2021 como circunstancias a aproveitar para potenciar e promocionar a oferta turística do Ribeiro.

 

Das redes sociais a Mazarelos

Entre as actividades a desenvolver durante este 2019 está a posta en marcha dunha importante campaña promocional en redes sociais, que estará apoiada na edición de folletos e vídeos da Ruta do viño do Ribeiro.

Tamén está prevista unha presentación en Compostela do Camiño do Viño. Será na Porta de Mazarelos, o espazo histórico polo que entraba o viño do ribeiro na cidade hai séculos. As actuacións previstas completaranse cunha misión inversa de xornalistas e escritores de ámbito español, para espallar a imaxe da denominación, e unhas xornadas históricas sobre a cultura do viño. A data de presentación en Compostela xa estaba fixada pero adiouse para finais de maio ou comezos de xuño para non interferir nos procesos electorais.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O proxecto «O Camiño do viño» promocionará O Ribeiro como destino enoturístico