«Con esta personaxe entendín a atracción cara este xénero»

La Voz OURENSE

OURENSE

Santi M. Amil

Un grupo de homes armados planean no capítulo de hoxe secuestrar o posto de mando da vila

17 mar 2019 . Actualizado a las 12:33 h.

A actriz Fina Calleja interpreta a Magalí, a misteriosa personaxe de Serramoura que no capítulo desta noite volve á vila.

-Había ganas de estar en «Serramoura»?

-Tiña moitas ganas de estar na serie porque é un rexistro que non practicara nunca. Algúns personaxes que encarnei eran un pouco mafiosos e escuros, pero deste nivel non fixen nunca. Ademais, Serramoura ten un estilo propio e uns seguidores moi fieis, e iso é fantástico.

-Que atoparán os espectadores no episodio desta noite?

-Esta noite os seguidores de Serramoura van atopar moita acción, moitas sorpresas e un ritmo trepidante, que sempre caracterizou á serie. Imos deixar aos espectadores case sen alento.

-A túa personaxe é unha das máis misteriosas e perigosas que pisou a vila esta temporada. Que podes contar de Magalí?

-Magalí presentouse como unha muller apoucada que arrastraba unha vida de soidade e mala fortuna, pero realmente é unha tapadeira para infiltrarse. Realmente é unha asasina en toda regra, é moi retorcida e non ten ningún tipo de remorsos.

-Magalí é un personaxe de acción. Como afrontas a gravación destas secuencias?

-As secuencias de acción nun thriller son moi divertidas de facer porque é unha realidade moi afastada do común dos mortais, pero tamén desgasta moito fisicamente (ri). Con esta personaxe entendín a atracción cara este xénero porque dáche un aumento de poder impresionante, e ao meu modo de ver tes que enfrontalas coa mesma verdade que ten un neno cando xoga.

-Son moi distintos os códigos dunha comedia e os dun «thriller» como «Serramoura»?

-Na construción da personaxe dun thriller prima moito máis o corporal ou a disposición física máis ca outros aspectos de corte psicolóxico.

-Aínda que estamos moi afeitos a verte en televisión, tamén formas parte da compañía ourensá Sarabela Teatro. Como consegues compaxinar as dúas disciplinas?

-Sempre facemos todo o posible por axustar os calendarios para poder compaxinar porque todo o que pode facer un actor enriquéceo, son experiencias que despois podes envorcar tanto no audiovisual como no teatro. Agora temos en cartel un espectáculo infantil que se titula Proxecto Noé, e seguimos con Celebración, e estamos a piques de empezar a traballar nunha nova montaxe. Isto é un non parar!

-Este ano o premio de honra Marisa Soto é para as aulas universitarias de teatro de Santiago e Ourense. Como parte fundamental desta última, como te enfrontas aos teus alumnos?

-Eu estudei Arte Dramático e o ensino gústame moito tamén. Entendo aos nosos alumnos como creadores, e ao estar en contacto permanente con eles, obrígame a manterme moi alerta e a estruturar toda a túa experiencia co que, ao final, segues aprendendo.