O Rei do Entroido volveu ao monte logo duns anos nos que o mal tempo marcou a festa

La Voz OURENSE

OURENSE

Os personaxes que forman parte desta tradición que se celebra os martes de entroido non quixeron que o tempo fose de novo o protagonista

06 mar 2019 . Actualizado a las 11:12 h.

Os presaxios de mal tempo que se anunciaban para a provincia invitaban a matinar no peor. E en Covelo (Melón) teñen ampla experiencia neses episodios. Nos últimos anos foron varias as convocatorias nas que houbo que aprazar a festa, mudala para outra data -na que tampouco mellorou o tempo- ou mesmo cambiar o monte polo local social do pobo, como aconteceu o pasado ano, para cumprir alí coa tradición nunha festa alternativa.

O Rei de Covelo e todos os personaxes que forman parte desta tradición que se celebra os martes de entroido non quixeron que o tempo fose de novo o protagonista. E neste pobo de Melón colgado na serra saíron todos para percorrer o lugar e coller logo cara á cima do monte. A escenificación manda, e a comitiva do Rei de Covelo traballou arreo para defendelo dos que tiñan como obxectivo riparlle a coroa, obxectivo final da festa do tempo de entroido. E neses traballos se empregaron na subida e na baixada ata a cima situada por riba do pobo.

Aínda que o tempo non estaba a favor do lucimento da festa, os veciños non quixeron que esa circunstancia lles impedise gozar desta tradición da comarca do Ribeiro. A subida ao monte, o percorrido polo lugar para compartir os presentes cos que os veciños agasallan aos membros da comitiva e a subhasta dos materiais que a xente ofrece para a festa son algunhas das características que fan do Rei de Covelo un dos entroidos máis singulares. E, como manda a tradición, non moi lonxe celebraron os veciños do pobos de Vilaverde e Barcia a súa festa compartida.