O entroido de Xinzo non lle senta ben aos postos ambulantes

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O Concello restrinxe a venda de produtos durante as festas a estes profesionais e logo rectifica

27 feb 2019 . Actualizado a las 08:28 h.

O entroido de Xinzo é un mundo aparte. Máis dun mes de troula, do domingo fareleiro ao de piñata, que atrae a milleiros de visitantes nos días grandes da festa, fai colgar o cartel de «Cheo» nos establecementos hoteleiros e atrae tamén a un bo número de vendedores ambulantes. Unha edición, a do entroido do 2019, que non está sendo precisamente para lembrar no futuro por parte dalgúns destes traballadores que montan os seus postos nas ferias, festas e mercados de toda a provincia.

Na Churrería Hermanos González amosan dende hai días o seu enfado polo que está a acontecer cun aviso moi educado e correcto: «Estimados clientes. Por orde da organización e alleos á nosa empresa. Non podemos vender: cans quentes, hamburguesas, nin bocatas. Disculpen as molestias. Grazas e bo entroido!». Yago González, fillo e neto dunha tradición familiar no sector da churraría e da venda ambulante, considera que se está afectando a uns profesionais que pagan os seus impostos e as súas taxas para exercer a su actividade legalmente. «Só nos deixan vender churros e patacas fritas, non nos deixan vender bocadillos, hamburguesas e cans quentes nin bebidas. Tampouco puidemos instalar unha pequena terraza, pola que pagamos, nin poñer o toldo por se chove».

«Poden vender como sempre»

O concelleiro de Cultura, Carlos Gómez Salgado, sinalou que «é certo que se deu esa situación pero xa se procedeu a corrixir e un técnico de Cultura xa lles comunicou que poden vender como sempre e desenvolver a súa actividade, como os outros anos, todos os que teñan ao día as súas obrigas e autorizacións».

Dende a Comisión de Veteranos do Entroido de Xinzo solicitouse que se lle dea o mesmo trato a todos os barrios do pobo.

Carteis de gran tamaño nos edificios históricos

Tamén sobre o entroido da capital da Limia se posicionaron os socialistas de Xinzo. A portavoz deste grupo reclamou ao Concello un informe sobre a legalidade da instalación de carteis de gran tamaño nas fachadas de edificios históricos. Dende o PSOE incídese no feito de que non se cuestiona a iniciativa, «posto que pode ser interesante e mesmo dignificante» a campaña a base de imaxes antigas do entroido, pero o que se pon en dúbida é a legalidade «da instalación desas grandes lonas con grandes ancoraxes de ferro cravados directamente sobre as pedras de edificios senlleiros da vila».