A Academia Galega do Audiovisual recoñece aos cineclubes

La Voz OURENSE

OURENSE

cedida

O ourensán Manuel Precedo foi o encargado de recoller o galardón José Sellier no encontro de finalistas dos premios Mestre Mateo

23 feb 2019 . Actualizado a las 19:49 h.

A Academia Galega do Audiovisual decidiu outorgarlle á Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA) o Premio Especial José Sellier, que cada ano recoñece iniciativas salientables no sector audiovisual. O presidente da federación, o ourensán Manuel Precedo, recolleu o galardón no Encontro de Finalistas da edición número dezasete dos Premios Mestre Mateo que se celebrou no Palexco da Coruña este venres.

Con este premio, a Academia quere poñer en valor que “os cineclubes son un dos principais promotores da cultura cinematográfica entre a sociedade”. Salienta que no ámbito dos cineclubes, o audiovisual convértese en elemento de debate, estudo crítico, e nel fórxanse espectadores receptivos e críticos co cinema.

A Federación de Cineclubes de Galicia é unha asociación sociocultural independente e sen ánimo de lucro, constituída o 8 de xullo de 1984 e que, con carácter de federación, agrupa á práctica totalidade dos cineclubes existentes no noso país, que actúa como xestora destes, e ademais, como prestadora de servizos de asesoramento e organización de proxectos a entidades oficiais e privadas; programas de proxeccións, talleres de cine, mesas de debate relacionadas co cinema, etcétera.

Durante a década dos setenta producíronse varios intentos de constituír unha Federación dos Cineclubes de Galicia. O máis relevante foi en 1977 cos cineclubes Padre Feijoo (Ourense), Pontevedra e Valle-Inclán (Lugo), entre outros. Foi en 1983 cando, nas  Xociviga de O Carballiño se acordou poñer as bases da asociación, que se constituíu en xullo de 1984 na primeira Semana de Cine de Vilagarcía como Federación de Cineclubes de Galicia, co obxectivo de dinamizar o cineclubismo galego.