O cuarteto Vienna Clarinet Connection pechará o Festival Pórtico do Paraíso deste ano

La Voz OURENSE

OURENSE

Alberte Paz Garza

O ciclo terá lugar entre os días 15 e 24 de marzo

08 feb 2019 . Actualizado a las 08:05 h.

Sete concertos de grupos de prestixio internacional ofrecerá o Festival de Música de Ourense Pórtico do Paraíso na súa edición do 2019. Formacións de Galicia, España, Italia, Suíza e Reino Unido actuarán na cidade, e en diferentes puntos da provincia, entre os días 15 e 24 de marzo. Para a clausura contarase coa presenza do cuarteto Vienna Clarinet Connection. A actuación será no Teatro Principal e será o único dos concertos de pago do Pórtico do Paraíso.

O programa do festival foi presentado na Deputación de Ourense nun acto onde participaron o seu vicepresidente, Rosendo Fernández, o alcalde da cidade e a concelleira de Cultura, Jesús Vázquez e Belén Iglesias, e o director do certame, Juan Enrique Miguéns.

As actividades comezarán o 15 de marzo, coa actuación do grupo vocal italiano Odhecaton. O 16 continuará a programación na igrexa do mosteiro de San Clodio de Leiro, co grupo instrumental Los Músicos de Urueña e o 17 -neste caso en Santa María Nai- haberá concerto do grupo vocal e instrumental de Suíza e Italia, La Lyra e Pino de Vittorio. No mesmo escenario, o día 20, actuará o dúo de percusión galego Mbira-Dúo. O festival terá continuidade o día 22 de marzo, coa actuación do quinteto vocal Apollo5 (Reino Unido) na Igrexa de Santiago das Caldas. Santa Mariña de Augas Santas será o escenario onde escoitar á formación vocal e instrumental Lareverdie (Italia) e o cuarteto de clarinetes de Austria Vienna Clarinet Connection actuará no Teatro Principal -24 de marzo, ás 19.00 horas-, asinando o broche final a este festival internacional de música clásica. As entradas para este concerto xa están á venda en Ataquilla.