«Queremos divulgar a pantalla en todos os colexios de Galicia»

María Cobas Vázquez
maría cobas OURENSE

OURENSE

CEDIDA

Unha asociación cultural de Xinzo de Limia crea unha unidade didáctica sobre o entroido

02 feb 2019 . Actualizado a las 19:10 h.

Hai anos que a asociación A Pantalla de Xinzo de Limia comezou a dar charlas polos colexios da vila explicando o ciclo do entroido e falando sobre a pantalla e a súa tradición. Coa apertura do Museo do Entroido, as charlas mudaron para alí; e nelas xa non só participaban os coles da zona, senón que chegaban de todos os puntos de Galicia. Noutras ocasións, desde os centros educativos pedían aos membros da Pantalla que foran velos e falar cos rapaces do entroido de Xinzo. Unha petición que moitas veces non se podía cumprir porque os socios da entidade traballan, así que non era compatible. Foi desta maneira como comezaron a pensar na idea de crear unha unidade didáctica sobre o entroido, e que despois de moito traballo, presentaron onte.

«É unha proposta didáctica con actividades, que buscan acercar un pouco o noso entroido a centros que non coñecen o noso ciclo, e tamén que saiban sobre a pantalla, porque afortunadamente hai moitas máscaras e hai xente que non as distingue», explica Laura López, presidenta da Pantalla e unha das creadoras da unidade. Di que foi un traballo de moitos socios, todos do ámbito docente. Apoiándose nun conto inicial no que un neno rememora a tradición do entroido co seu avó, van propondo unha batería de actividades para todas as idades, desde sopas de letras a quebracabezas, dominós ou obradoiros de elaboración de instrumentos musicais con materiais de refugallo... «para que se acheguen ao entroido de Xinzo e a pantalla de maneira divertida», sinala López.

A unidade didáctica será enviada por correo electrónico a todos os colexios e institutos de Galicia, e tamén se difundirá a través das redes sociais. «Fundamentándonos na idea de aforro de papel e de recursos. Queremos que os docentes teñan na nube a unidade para cando a queiran descargar, en vez de gastar material funxible, porque igual algún non o vai poñer en marcha», explica a presidenta de A Pantalla.

A súa aposta pola difusión do entroido non remata aquí. «A idea é a xuntar un vídeo onde se expliquen as charlas que damos, para que os coles a onde non podemos chegar, o poidan descargar», di. E engade: «Facemos isto coa finalidade primeira de conservar o que temos e darllo a coñecer a quen lle apeteza saber máis do noso entroido tradicional».