O radar...

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

31 ene 2019 . Actualizado a las 08:12 h.

Desde esta semana conducimos máis amodo. Non queda outra. Xa non hai estradas de 100, agora o máximo (salvo para as zonas privilexiadas que teñen autovías, porque en Valdeorras diso non sabemos nada) son de 90 quilómetros por hora. Din desde a Dirección General de Tráfico que é para reducir os accidentes mortais de tráfico. A causa está máis que xustificada, nada que obxectar. Nin sequera ao anunciado cambio dos radares, sempre que despois vexamos que o traslado dos aparatos busca acabar cos accidentes e non ten só un mero afán de multar. En Vilamartín hai un que está forrando as arcas públicas. Certo é que está preto dun cruce perigoso (no que, por fortuna, hai moitos anos que non se produce un choque de importancia), pero non é menos certo que está nun dos poucos tramos da nacional na comarca de Valdeorras nas que se pode pisar un pouco o acelerador. Porque moito multar, e moito rebaixar velocidade, pero as estradas seguen sendo un perigo. Saír do Barco cara Ponferrada é toda unha odisea. O asfalto está nun estado lamentable, cheo de fochancas, e hai varios quilómetros nos que as liñas brancas hai tempo que desapareceron, e non semella que vaian volvelas pintar pronto. Conducir por esa estrada convértese en todo un perigo unha noite chuviosa, porque non hai unha soa marca na estrada que indique o camiño a seguir. A iso, para empeorar, súmalle un día de néboa. Aí non fai falta que poñan a sinal de 90, que xa non hai quen poida correr máis. Pero é un tramo superperigoso e, en cambio, á DGT nunca se lle dou por poñer un radar para ver se collía a algún. Aí non... Que curioso.