«Esta é unha cidade que te engancha e dá moitas oportunidades de crecer»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

cedida

Alba Gómez non atopaba traballo en Ourense, foi por un ano e leva cinco no Reino Unido

28 ene 2019 . Actualizado a las 13:44 h.

Nin cavilara nunca en tal cousa, nin barallara por un intre ter que marchar para poder traballar no que quería. Na sanidade, que para iso Alba Gómez Fernández deveceu sempre por ser enfermeira, e esforzouse para conseguilo. E foi todo ás presas, como sen querer e de maneira accidental. «Cando rematei púxenme a buscar traballo durante algo máis dun ano. Tanto no sector público como no privado. Mandei mil currículos, mais tiven a mala sorte de rematar a carreira nos peores anos da crise», lembra dende Londres a ourensá Alba Gómez. Recoñece que nunca pensara en ir traballar fóra, aínda que leva xa uns anos nesas circunstancias e non semella que entre nas súas previsións estea coller o camiño de volta.

«Todo xurdiu como unha casualidade. Foi cando a miña amiga Paula, tamén enfermeira, comentounos, a min e a outra amiga, que lle falaran de que ían dar unhas charlas sobre traballar no Reino Unido. Ao final, sen decatarnos, despois da conferencia veu a entrevista e case que cinco anos despois aquí seguimos», lembra. Chegou en marzo do 2014 e a súa primeira parada foi unha cidade ás aforas de Londres que se chama Slough. «Chegamos á mesma vez un grupo grande, de 15 ou 20 españois, e axiña nos fixemos inseparables. Viviamos todos xuntos nuns pisos compartidos que pertencían ao hospital. Eu sempre comparo esta época como un Erasmus, pero traballando. A adaptación a un novo país fíxose moito máis sinxela grazas a todos eles», sinala.

Dende a distancia, e co paso do tempo, recoñece Alba Gómez Fernández que tivo sorte no que ao idioma se refire: «O meu nivel de inglés era moi básico, e levaba sen practicalo máis de catro anos. Cando pasei a entrevista non se requiría un grao especifico de inglés para traballar de enfermeira, era o hospital que te contrataba o que decidía quen era apto e quen non, e como estaban tan curtos de persoal non pedían moito. Agora está máis regulado e, na actualidade, para rexistrarse como enfermeira no Reino Unido necesitas presentar un certificado de inglés cun nivel bastante alto».

A chegada do seu mozo fixo que a ourensá se mudara para Londres, un espazo onde el podería ter maior número de oportunidades ao tratarse dunha cidade máis grande. E foi daquela cando comezou a traballar para o University College London Hospital. Alí segue, na «unidade de cirurxía torácica como Deputy sister, un posto que non existe en España pero sería algo así como unha axudante de supervisora de planta», precisa a ourensá.

Sen plans de retorno

Foi por un ano e vai camiño dos cinco. Daquela, co paso do tempo, o retorno deixou de ser unha das súas inquedanzas. «Sei que quero regresar en algún momento a España, pero non sei cando. De momento son feliz aquí e non quero amolarme poñéndome unha data de volta, xa se verá. Alí non conseguía traballo e aquí podo facer o que me gusta e Londres é unha cidade que te engancha e que che dá moitas oportunidades de crecer profesionalmente. Daquela, polo momento, aquí seguiremos; coa idea de volver á casa mais sen data a curto prazo», apunta.

E mentres aproveita as posibilidades que ofrece a cidade. A enfermeira ourensá dedica o seu tempo libre a facer deporte, pasar a fin de semana coa súa parella e cos amigos, e viaxar. Confesa que é unha das súas paixóns «e sempre que podo, viaxo. Viaxar, viaxar moito, esa é a miña maior afección», asegura.

Á hora de apuntar que cousas bota en falta de aquí non necesita cavilar moito: a familia, a comida e o sol.

«O hospital comunicounos que os nosos postos se manterán»

Ourensá de 1991, Alba Gómez estudou ESO e Bacharelato no IES O Couto. Formouse na Escola de Enfermería de Ourense e pertence á última promoción de diplomatura (2009-2012). Sempre quixo ser enfermeira, e agora que o pensa igual algo tivo que ver niso o feito de que seu pai sexa celador no hospital da cidade.

Recoñece que o seu caso non se semella ao de moita outra xente que pasou por varios sectores ata atopar o que realmente quería: «Tiven a sorte de vir xa cun traballo naquilo que desexaba facer».

A vida fóra do seu ámbito profesional está vencellada aos seus amigos, e a maioría dos mesmos son españois. «Debe ser a morriña, pero aquí todo o mundo se apoia e axuda en todo, e faino dun xeito desinteresado. É como que as relacións de amizade son moito máis intensas en menos tempo», reflexiona Alba Gómez.

O Brexit e as súas posibles repercusións para os estranxeiros que traballan no Reino Unido é un tema que está enriba da mesa. Aínda que sen presionar máis do necesario á ourensá. «A verdade é que non se sabe nada, e ata que os políticos se decidan non se vai saber. Eu estou tranquila, o hospital onde traballo dende o primeiro momento nos comunicou que os nosos postos se manterán, e que non nos preocupemos».