Filomena Seguín, de actriz en «Vida» a participar nos Premios Goya de Fotografía

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Pily Reñones

Unha imaxe da veciña de Riós realizada pola fotógrafa Pily Reñones foi seleccionada no prestixioso concurso

25 ene 2019 . Actualizado a las 08:06 h.

Hai frases que co paso do tempo se converten en tópicos, unhas, e en verdades incuestionables, outras. Xunto con moitas e variadas iniciativas que o converteron en referencia fundacional da fotografía do século XX, Henri Cartier Bresson dixo aquilo famoso de que unha boa foto é o disparo preciso no momento exacto. O que pasou á historia da fotografía como o concepto do «instante decisivo».

Ese foi no que se citaron unha veciña do pobo de Marcelín, Riós, que participaba na rodaxe dun dos traballos do actor e director Rubén Riós e a fotógrafa Pily Reñones.

Filomena Seguín, que tiña un pequeno papel na curtametraxe Vida de Rubén Riós como o personaxe de Holanda, aproveitou un dos descansos da xornada de rodaxe para recollerse e tirar de rosario. E foi ese o momento no que andaba preto a fotógrafa Pily Reñones, que converteu en realidade presente, xa para sempre, a serenidade e a concentración da Holanda de Vida.

 

 

 

Autora dun libro de refráns

E por aquelas reviravoltas da vida, da real non da de curtametraxe, a imaxe de Filomena Seguín acabou por ser seleccionada para optar a un dos Premios Goya de Fotografía. O concurso é unha iniciativa que se desenvolve dende que a Asociación de Fotógrafos y Videógrafos Profesionales de Aragón decidiron crear un certame co nome do ilustre pintos aragonés no ano 1983.

A fotografía de Pily Reñones é unha da que opta aos premios no apartado de documentalismo e o vindeiro 2 de febreiro, data de entrega dos galardóns, saberase se unha imaxe captada en Riós fai historia en Aragón.

Actriz ocasional e agora protagonista dunha fotografía de premio, Filomena Seguín tamén é autora dunha publicación editorial. Cosecha de mi propia siembra. Refranes y dichos populares é o título da súa obra.