O representante, creador de Ciba Producciones, Carlos Barandela, comezou como músico aos 16 anos
20 ene 2019 . Actualizado a las 21:18 h.A música foi dende sempre o espazo natural no que se desenvolveu a súa vida. Estaba na casa e foise identificando con Carlos Barandela ata que sons e vivencias camiñaron da man. A tradición familiar tiña ao seu pai como imaxe, tocou en bandas e orquestras e era coñecido co alcume do pobo -O Rante-, e o cativo da casa xa se botou a enredar aos catro anos coas culleres, as cuncas e calquera cousa que atopase pola vivenda. Daquela, estaba de ser, o rapaz rematou tocando a batería nun grupo con 16 anos, actividade que compaxinaba cos estudos. Unha paixón, a musical, que tamén compartiu o seu irmán Segismundo. «Mundo, que é como lle chamaban, foise a Estados Unidos e alí tocou de todo. Fixo jazz e moitos outros xéneros. Agora xa está xubilado», lembra.
Cando encetou a súa carreira musical no circuíto das orquestras comezou a tocar na Columbia: «Había un bar aquí á beira, na rúa García Mosquera, que se chamaba Chalé e aí era onde ensaiabamos». Daqueles tempos garda unha especial lembranza dos «baile-asalto» que se celebraban os domingos no Xardín do Posío. Como do desaparecido bar Rincón, fronte ao Teatro Principal, que era punto de encontro e o lugar ao que acudían os músicos na súa mocidade. Cando decidiu reorientar a súa carreira profesional tiña 28 anos e tocaba no grupo Llama. «Tiñamos moita aceptación porque apostamos por diferenciarnos do que se estaba a facer e polos ritmos que protagonizaban a actualidade musical en Estados Unidos, dos sons de Chicago aos Deep Purple. Tocamos por toda Galicia e actuabamos de seguido en Asturias», lembra.
De batería a traer a Julio Iglesias ou Mecano
Aínda que moitos dos seus compañeiros eran maiores, algúns da idade do seu pai, Carlos Barandela levaba tempo asumindo a intendencia do grupo. «Dende mercar o furgón para os desprazamentos, aos 19 anos, a todo o referido á organización e o
management
», sinala. E pola faceta empresarial apostou cando deixou a batería e creou a empresa Ciba Producciones. «Foron anos de moito traballo. A contratación artística vivía daquela momentos brillantes e facías dende festas a concertos importantes en salas de festas ou pavillóns. A comezos dos 80, creo que foi no 81, trouxen a Julio Iglesias a Ribadeo -cobraba daquela 155.000 pesetas-. Tamén a Patxi Andión, Víctor Manuel, El último de la fila, La Unión, Alejandro Sanz, Manolo García e moitos outros. Un dos últimos concertos da xira de despedida de Mecano fixémolo aquí. Creo lembrar que o último era despois do noso, en Valladolid. E organicei moitas actuacións en Santiago, nas festas da Peregrina de Pontevedra e noutros sitios».
E nesas estaba, e sigue porque mantén a representación de grupos e artistas, cando se cruzaron na súa vida os Mutenrohi. «Coñecín a Fasero e convenceume de que se necesitaba un selo discográfico, que non había en Ourense, e así foi como naceu Zouma. Escollimos unha palabra do barallete dos músicos, que significa muller, para darlle nome ao proxecto». Juan Carlos Fasero foise logo para Agadic e a SGAE e Carlos Barandela mantén en solitario o proxecto.
Cristina Pato e Minimalia
Recoñece que non son bos tempos para o sector. As redes, a piratería e os novos soportes arrasaron con todo. «Non se venden discos e a representación artística tamén está complicada. Se podes facer todo o proceso, da produción á contratación, pode ser viable. De non ser así a cousa está moi complicada». Cristina Pato, Daniel Minimalia, María do Ceo ou Quempallou -agora sen actividade- son artistas que traballan con Zouma. Pola entrega dos Premios da Cultura Galega que se celebrou o día 11, en Montederramo, andaba Carlos Barandela. E ao tempo que saudaba a vellos coñecidos e amigos, como Cristina Pato, estaba pendente dun novo músico da discográfica: o contrabaixista Álvaro Iglesias.
Os «asalto-baile» do Xardín do Posío marcaron os lembrados tempos da mocidade
As dúbidas aparecen cando chega a hora de escoller un espazo da cidade co que se identifica de xeito especial. O tempo do músico que se atopaba cos amigos e cos outros artistas no bar Rincón chama por el. Mais o local xa non existe. Daquela non hai remorsos.
Carlos Barandela garda un especial recordo do Xardín do Posío. Nos seus anos mozos acudía cos seus compañeiros ao que daquela se chamaba o «asalto-baile» que se celebraba neste espazo público. «Os domingos e festivos facíase baile aquí cunha orquestra, e ás veces con dúas. Daquela non había equipos como agora, eran bucinas colgadas das árbores. Creo lembrar que se celebraban entre maio e setembro e viñamos todos os amigos a divertirnos e a pasalo ben».
quen é Ás orixes. profesión Músico e representante. rincón Xardín do Posío.
traxectoria vital
Ás orixes. Carlos Barandela é orixinario de Taboadela, municipio onde naceu no ano 1951.
Músico e representante. A música é a súa paixón e a ela leva adicado toda a súa vida. Primeiro como membro de varios grupos e logo como creador de Ciba Producciones. Hai anos que centra a súa actividade na discográfica Zouma Récords.
Xardín do Posío. Os bailes estivais e os concertos neste espazo da cidade son lembranzas das que garda un especial recordo e grandes experiencias.