Entre o paletismo e o patetismo

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

OURENSE

20 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

De seguro todos coñecemos a alguén que ten a súa vida colgada en imaxes nas redes sociais: de comidas, bautizos vodas e comunións, viaxes, de cada uns dous adornos de Nadal da súa casa, e mesmo a típica imaxe de sofá (facendo contorsionismo para sacar a foto) acompañada dun «aquí, de relax». Despois está o nivel experto de postureo, o de fotografarse con famosos, que case sempre supón ter que aguantar algún que outro empurrón sen garantías de que cando lle deas ao clic, o ídolo non salga con cara de poucos amigos, ou a imaxe estea desenfocada. Tanto esforzo na maioría dos casos unicamente para alimentar o ego e quedar ben diante das amizades, ben sexa colocando a foto nun marquiño no despacho, ou poñéndoa no perfil das redes.

Cando fotografarse con personaxes coñecidas pasa de ser algo anecdótico a unha rutina, hai motivos preocuparse. Cando quen o fai é un representante da cidadanía, resulta esperpéntico, e se ademais a obsesión pola foto o leva a desprazarse con cartos públicos a centos e as veces miles de quilómetros, comezamos xa a navegar entre o paletismo e o patetismo.

No caso do presidente da Deputación de Ourense, ten con toda esa colección para facer unha gran exposición fotográfica multitemática con espazo para colgar nas que aparece arrimado a futbolistas, cantantes, políticos e asesores, xornalistas... A última, que de seguro non será a derradeira, co máximo responsable da Comisión Europea, acompañada dunha nota de prensa na que aseguraba ter «analizado as vías para impulsar unha maior competitividade nas provincias de Europa». Cando o eurodeputado José Blanco preguntou por tal encontro, a resposta do propio Juncker foi que «o saudou brevemente coma a moitos outros representantes que se atopaban na Semana Europea das Rexións e Cidades do 2018». Imaxinen vostedes a cara de asombro que se lles debeu quedar ao propio Juncker e aos seus asesores ao ler a nota de prensa, e as risas despois ao teclear Baltar en Google para ver quen era. Risas que poderíamos compartir, pero que se tornan en gañas de meterse baixo terra, cando lembramos que Baltar representa en teoría a todos os ourensáns e ourensás. Por certo, que a contestación tamén lembra que quedamos sen percibir fondos europeos para desenvolvemento urbano sostible (15 millóns de euros), froito da chapuzada do propio ente provincial, que nos levou a ser a única cidade das 7 galegas que non levou nin un so euro.

Visto que o cosmopaletismo instalado no Pazo Provincial, a conta dos cartos de todos e todas nós, semella que aínda pode acadar cotas máis elevadas de ridículo, xa so queda preguntarnos ata cándo vai durar? Esa resposta, só a teñen os propios ourensáns e ourensás.