«Se me din que ben me queda o vestido, non me parece acoso»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

A responsable do goberno popular en materia de Igualdade, Montse Lama, anuncia un protocolo para os casos de «mobbing»

06 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación de Ourense foi pioneira en Galicia coa aprobación e implantación dun Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes. O traballo coordínao Montserrat Lama, a deputada responsable da materia no goberno provincial, que anuncia un protocolo para atender os posibles casos de acoso sexual.

-¿Para que serve un plan de igualdade?

-No plan de igualdade que realizamos na Deputación hai moitas medidas de conciliación familiar, de favorecer o emprego feminino nos postos que están máis masculinizados ou de linguaxe inclusiva. Ata agora os documentos oficiais utilizaban un vocabulario máis tradicional e agora estamos tratando de implantalo. É algo que custa porque os funcionarios, homes e mulleres, levan acostumados toda a vida a usar unha determinada linguaxe e, aínda que está permitida pola Real Academia, queremos implantar a inclusiva porque cremos que é necesario.

-A Deputación ten postos moi masculinizados e os cargos directivos están ocupados na súa maioría por homes. ¿Ten remedio?

-Precisamente para xaneiro temos rematada unha campaña sobre ese problema dos postos masculinizados. É que cando se sacaron as listas para distintos postos de traballo, nos de maquinaria as mulleres nin se apuntan. O problema está na sociedade e por iso cremos que é necesaria unha campaña cara o exterior. E, nos postos de dirección, si que é verdade que a de Recursos Humanos é unha muller, agora entrou outra, e si que se está intentando feminizar un pouco a situación.

-A enquisa elaborada para o plan conclúe que un 6,98 % das traballadoras presenciou casos de acoso sexual. ¿Parécelle normal?

-Agora en xaneiro tamén imos presentar un protocolo de acoso laboral, que tampouco existía. Ata agora, se xurdía algún caso non tiñamos esa folla de ruta para poder actuar. E, sobre eses casos de acoso laboral que saíron na enquisa, eu non estaba... Desde logo desde que eu entrei nunca sucedeu este tipo de cousas. Hai que ver que significou para esa persoa, que cubriu esa enquisa, ese acoso laboral. Aínda o outro día houbo un pequeno desencontro entre unha empregada e un empregado da Deputación e ela púxose nerviosa, empezou a chorar e utilizou a palabra acosar. Eu estaba alí presente e tampouco se pode utilizar a palabra acosar así tan facilmente. A palabra acoso é tremenda. A min, por exemplo, se me din que que ben me queda o meu vestido, eu encantada; non me parece acoso. Iso xa vai un pouco na persoa.

-O debate en torno as políticas de igualdade está xerando polémica coa irrupción de Vox ou incluso nos plenos da Deputación. ¿Que lle parece?

-A min o que me dá moitísima rabia é que sempre nos tachen a moitas mulleres do PP que estamos en contra das políticas de igualdade. É todo o contrario. A calquera persoa con dous dedos de fronte dóelle que maten a unha muller. Coa lei que existe a día de hoxe en España, se funcionara, non habería tantas mortes. O problema é que non funciona e ao meu parecer hai que cambiar o Código Penal e facer outro tipo de seguimentos nas institucións penitenciarias porque non pode ser é que xente que sabemos que non está preparada para reinserirse saia á rúa e volva matar como sucedeu coa rapaza de Andalucía. El mesmo foi o que pediu á xuíza que non o saquen porque o volverá facer. Non creo que facer campañas de publicidade de millóns e millóns sexan efectivas porque non creo que unha persoa que maltrata vaia deixar de facelo porque vexa un cartel nun centro comercial.