Por un 2019 cheo de neve

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

27 dic 2018 . Actualizado a las 17:14 h.

Din que «año de nieves, año de bienes». A falta aínda de que a neve comece a facer aparición nas nosas vidas e traia as imaxes dos paisaxes nevados, os bonecos de neve e as tradicionais complicacións no tráfico, o cambio de ano invita a pensar de xeito optimista. O 2019 será o ano no que subirá o salario mínimo, o ano no que os autónomos empezarán a ter algúns dereitos (aínda que sigan estando lonxe do dos asalariados por conta allea, e todos eles a anos luz dos funcionarios), un ano para seguir avanzando chanzos nesa longa escaleira cara a igualdade na que aínda non se ve o cumio, pero aí estamos... Un ano para pensar en positivo e poñer o noso propio gran de area para que sexa un ano de bens, para que o que nos rodea sexa en positivo e que a vida amose a súa cara máis amable. Porque nevará, algún día nevará, igual non tanto como queremos ou, quen sabe, incluso neva máis do que agardabamos. O que si sabemos de certo é que se vén por diante un ano máis, outros 365 días para tratar de pintar o noso propio futuro e deseñar o cambio que queremos seguir. Tamén un ano no que cada un de nós podería elixir o seu futuro máis próximo, e tamén o non tanto, votando aos próximos alcaldes. Un ano de oportunidades, de mudar o que non serve, de buscar novos horizontes. Tamén un ano para ilusionarse, e incluso para probar cousas novas. De aproveitar as oportunidades que dá o salto de ano para zafarse de todo aquilo que sabemos que non nos fai ben. De querer que o ano que vén estea cheo «de nieve y de bienes», pero tamén de esforzarnos por acadalo. ¡Por un moi feliz 2019!