Sen medo

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

21 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Laura Luelmo non saíu correr de noite. As nenas de Alcasser non iban soas. Máis de 25 anos de diferencia entre os brutais asasinatos. Nada mudou porque as mulleres seguimos sendo asasinadas por iso, por ter a sorte de ter nacido mulleres.

Porque é unha sorte, malia que á veces teña os seus particulares riscos. Riscos non xenéticos, só mentais, de xente sen miolos que pensa que por ser muller poden violarte. E aínda haxa quen apostille o de que foi porque iba provocando.

¿Que vou que? Vou, simplemente. As mulleres non imos por aí violando homes e xustificándoo na súa forma de vestir, de moverse, na cantidade de alcol que levaban bebido ou se estaban graciosos e parecía que buscaban tema.

Non. Non digo que nos eduquen mellor, pero algo está claro que se fai distinto. Igual todo empeza con cousas que poden parecer tonterías, de rir cando os cativos cantan regetón (e de paso van metendo no subconsciente letras sumamente machistas nas que a muller é pouco máis que un anaco de carne); ou neses comentarios de ‘onde vas así vestida?’.

Igual cando un adolescente sae da casa, os pais deberían dicirlle iso de que respecten ás rapazas, que non vaian por aí acosando, que non sexan uns babosos. Non só avisarnos a nós de que non vaiamos soas de noite. Porque eu non debería ter que ter medo por ser muller. Nin por min nin polo resto de mulleres.

Porque ao final, a realidade di que non é tan fácil como non ir soa de noite.

Porque Socorro Pérez non saiu correr de noite, e aínda non se sabe quen a matou só por iso, por ser muller e saír da casa.