Tempo de esperanza

José Pérez Domínguez NO ATRIO

OURENSE

16 dic 2018 . Actualizado a las 15:35 h.

Estamos co advento, que é tempo de esperanza. Os sacerdotes falamos normalmente de advento como tempo de espera. E isto pode levar a confusión. Porque tempo de espera é tamén o do reo que agarda unha condena. Cómpre distinguir ben entre tempo de espera e de esperanza. Tempo de espera é o que botamos nunha sala para visitar ao médico ou ao avogado, ou diante dun confesionario para recibir o sacramento da penitencia... Acostuma ser aburrido, por veces desesperante, e, dependendo do que se trate, nervioso ou cheo de inquedanza. O tempo de esperanza, por contra, é alegre, feiticeiro, tempo que degusta xa o que estamos a agardar. O neno que agarda á nai, goza máis na espera que na mesma chegada. Esta distinción é necesaria, porque podemos correr o risco de comparar tempos, adaptar actitudes e confundir obxectivos. O advento é tempo de esperanza.

Cando observamos o decurso do tempo en que vivimos nos eidos políticos, sociais, económicos, cando vemos o comportamento da sociedade, botamos de menos algo que unifique o noso ser e pensar para non deixarnos desanimar por tan dispar diversidade. Ollando con serenidade dámonos conta de que a humanidade precisa do nacemento dun neno que nos traia a paz interior e a capacidade de contemplar na tenrura dun portal a un Deus que é todo misericordia, que nos ofrece diálogo, que nos acolle na súa casa de pai, que nunca nos esquece e que sempre camiña á nosa veira.

A Igrexa é consciente de que nunca esgotamos a vivencia do advento na súa totalidade. Por iso, cada ano danos unha nova oportunidade para abrirnos ao misterio da salvación. Si foramos capaces de recuperar este sentido do advento, andariamos máis contentos pola vida, sentido o latexo do corazón dos irmáns, compartindo e acadando canto de bo nos regalan. E por suposto, ¡gozando neste tempo o que está para chegar!