«O concerto dos coros históricos será todo un acontecemento»

x. m. r.

OURENSE

Santi M. Amil

O presidente da Coral de Ruada, Samuel Lago, presentou as actividades para do centenario da institución

11 dic 2018 . Actualizado a las 11:29 h.

En outubro de 1918 un grupo de amigos xuntábanse en Villa Joaquina, na Avenida de Zamora, e decidía crear un coro na cidade. Xavier Prado «Lameiro», Virxilio Fernández, Prieto Nespereira e Cesáreo Eire, o anfitrión, marcaban nese día o comezo da historia da Coral de Ruada. Un século despois estase a conmemorar o centenario e onte presentáronse os actos a desenvolver ata xuño do 2019.

-Van ter un amplo programa de actividades.

-Xa empezamos coa celebración en outubro, co autocar conmemorativo do centenario -que causou sensación cando fumos a semana pasada a actuar ao Rosalía de Castro, da Coruña- e as Xornadas LembradeNós e ata xuño imos desenvolver un amplo abano de propostas.

-Que destacaría?

-Moitas cousas. O día 15 instalaremos unha placa en Villa Joaquina, teremos un sello conmemorativo que se conseguiu grazas ás xestións de Celso Delgado, o Concello de Ourense vai dar o nome da coral a unha rúa ou unha praza, a Deputación tamén nos respalda nas nosas iniciativas, haberá un encontro dos coros históricos de Galicia e unha obra de teatro en colaboración coa ESAD de Vigo, entre outras cousas.

-Esa actividade reforza a reivindicación dos textos orixinais de Prado «Lameiro»?

-Si. Nós hai tempo que vimos apostando por reivindicar a obra del e mesmo creamos un grupo de teatro -tamén o temos de gaiteiros-. Ademais haberá unha exposición sobre teatro de costumes.

-E o concerto dos coros galegos históricos?

-Iso será un acontecemento. Só hai catro en Galicia, entre eles a Coral de Ruada, e os ourensáns poderán disfrutar do encontro e o concerto no mes de xuño.