O OUFF 2019 acollerá unha homenaxe ao seu creador, Eloy Lozano, e a Blanco Amor

La Voz

OURENSE

Santi M. Amil

Polas actividades do Festival de Cine de Ourense pasaron este ano máis de 8.300 persoas

07 dic 2018 . Actualizado a las 18:21 h.

A edición do OUFF deste ano converteuse «nunha das mellores das celebradas ata o de agora, pola calidade das obras e da programación, situando a Ourense como capital galega do cinema e pechándose cun éxito mediático, de público e crítica», segundo sinalou o presidente da Deputación no balance do festival. José Manuel Baltar compareceu en rolda de prensa xunto cos coordinadores artístico e técnico do OUFF, Miguel Anxo Fernández e Aurelio Gómez Villar respectivamente, e anunciou que o organismo provincial potenciará o certame audiovisual de cara ás vindeiras edicións -a Deputación ten unha cesión de marca por catro anos- e promoverá a colaboración coas institucións, nomeadamente Concello de Ourense e Xunta de Galicia, para facer do OUFF o Festival de Cine de Galicia. Baltar Blanco anunciou que a presenza de Xavier Bermúdez na cidade, o ourensán recibiu a Calpurnia de Honra do OUFF, serviu para desbloquear o proxecto da rodaxe da segunda parte de «León y Olvido» e a película gravarase na súa maior parte na provincia de Ourense e contará con apoio da Deputación. Entre as novidades anunciadas por Miguel Anxo Fernández para o OUFF 2019, que se celebrará en setembro, destacan a realización dunha homenaxe ao promotor do festival, o desaparecido director Eloy Lozano, a importante presenza do cine mexicano -en colaboración coa Escola de Capacitación Cinematográfica creada en 1975 por Carlos Velo nese país- e contarase cun espazo propio para Eduardo Blanco Amor, do que se cumprirán os 40 anos do seu pasamento no vindeiro ano, a través dos guións que o escritor ourensán realizou para o cine. Segundo o balance dos organizadores do OUFF, polas actividades do festival pasaron máis de 8.300 persoas, das cales 6.249 asistiron ás salas (o 70 % das cales participaron na votación das películas).