O cadro «A derradeira lección do mestre» de Castelao estará en exposición en Ourense

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

CEDIDA

A obra poderase ver nas instalacións da Deputación tras rematar a súa estadía no Gaiás

17 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A derradeira lección do mestre, o cadro de Castelao que pode verse na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, viaxará a Ourense cando remate a súa estadía no Gaiás (prevista para o 3 de marzo de 2019). Así o acordaron o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, e o presidente do Centro Galicia, José María Vila Alén; despois de reunirse no edificio que albergara, en tempos, o Centro Ourensano en Bos Aires (Arxentina). A proposta baseouse no feito de que Castelao pintou o cadro a instancias do galeguista dos Peares e secretario do Centro Ourensano, Rodolfo Prada, segundo explicou o escritor Luis González Tosar. Despois, o pintor doou a obra ao centro.

Baltar cualificou de «inmensa emoción» poder acordar a cesión da obra de Castelao para que se poida exhibir en Ourense, logo da súa última etapa en Galicia. «Trátase dunha noticia de forte impacto cultural e emocional para o mundo da galeguidade, e desexo que os ourensáns poidan contemplar presencialmente esta obra nas instalacións da Deputación, para o cal disporemos todo o necesario para que sexa un éxito», asegurou.

Vila Alén congratulouse de poder ampliar a estadía de A derradeira lección do mestre en Galicia, «porque ollar esta obra supón un compromiso de respecto a todo o que significou e significa Castelao a prol da dignificación e a cultura de Galicia con maiúsculas».