O director Xavier Bermúdez recibirá o premio Calpurnia de Honra do Festival de Ourense

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

PACO RODRÍGUEZ

Tamén se publicará un monográfico do crítico e historiador cinematográfico Eduardo Galán sobre a obra do galardoado

12 nov 2018 . Actualizado a las 19:08 h.

A organización do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) ven de anunciar que nesta edición -na que cambia a dirección do certame que estará baixo a Fundación Carlos Velo- o premio Calpurnia de Honra recaerá no director Xavier Bermúdez (Ourense, 1951).

«Con este galardón, o certame quere recoñecer, por primeira vez en Galicia, a traxectoria artística dun cineasta e produtor que rodou algunhas das longametraxes de ficción máis premiadas do audiovisual galego», apuntan desde a organización.

O premio entregarase antes da proxección do que polo de agora é o seu último film O ouro do tempo, que describiu como a súa longametraxe máis persoal. Ademais, no festival poderase ver parte da súa filmografía, na que destacan títulos como León y Olvido, que recibiu no seu día os premios a mellor director no festival de Karlovy Vary (República Checa) e a mellor director e actriz no OUFF, así como o premio especial do xurado no Festival de Málaga.

Nesta liña, tamén se publicará un monográfico do crítico e historiador cinematográfico Eduardo Galán sobre a obra do galardoado, que escribiu e rodou, aparte de películas, curtametraxes e documentais. Tamén foi coguionista de títulos como Los pasos perdidos ou Migas de pan. Entre as súas contribucións ao cine destaca tamén a autoría de Buñuel: espello e soño, un dos libros publicados sobre a figura do cineasta que máis afonda na súa obra.