Outono pornográfico

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

11 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cae a folla, abre a castaña e medra o nabo. Cae o Outono Fotográfico, estamos na 36 edición en negativo, nada de revelador. Un goberno que exerce o seu liderado cultural albisca que os tempos son chegados, que todos somos fotógrafos de feitos extraordinarios, xa non se precisan exposicións, todo está nas redes sociais; é máis, nós o goberno, somos as redes.

A fotografía do Outono abriu a moitas persoas a nosa propia historia. As fotos, que un día son unha mestura nunha caixa de zapatos íntima, foron o fío argumental do Outono, o relato que precisaba esta provincia. Coma nun conto clásico, amosa unha historia, manifesta un conflito e presenta un desenlace, onde nós, os espectadores, remendamos o que falta. A derradeira edición «Descrenza» foi unha conversa con trampulleiros. A Casa da Xuventude abriu o diafragma á fotografía e Benito Losada apertou o disparo e xuntos fixeron o que agora se ve coma unha imaxe fóra de foco.

Neste mes de San Martiño só medra a fotografía con fin político, o que debía ser un intercambio regular entre goberno e gobernados de imaxes converteuse nunha orxía de fotografías do goberno. En vez de retratar o antes e despois, as causas e efectos, tornouse na edición 35 Bis sine die de «Descrenza». Neste exceso, a parella promove o edificio singular. Singular e non plural, o Un fronte ao moitos. A palabra singular masculina, o 1 erguido, o falo como tótem. Están a dar unha mensaxe que só a fotografía como arte e como medio é capaz de recoller nas súas dimensións.

Farán ese edificio singular e nós, os turistas de diario, trataremos de sacar os mellores planos para gardar nas memorias de gigas gratis. Sen querer darémoslle a razón. Se o singular pinta a un carallo, teremos #hashtag asegurados para sempre #ocarallodeOu.

Non teremos de novo un Outono Fotográfico, quedou fláccido polo abrente cultural que se exerce dende as casas grandes de Concello e Deputación. Queda xente válida dentro, pero non os deixan agromar os preparados.

O momento de copular Ourense coa cultura é este, o Outono, e varias veces ao día e con toda clase de fantasías.