«O deporte é unha boa ferramenta para integrar e para traballar as Matemáticas»

edith filgueira OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Celso Blanco é un dos docentes da provincia que opta ao premio Educa a mellor profesor do ano 2018

28 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten os cinco sentidos alerta continuamente. É enérxico. Mira de esguello para non perder detalle de nada e coñece a case tódolos nenos do colexio polo seu nome. Ve saír a unha rapaza do baño sen tirar da cisterna e dille que volva a entrar e que non se lle esqueza para a próxima. «Un segundo e xa estou contigo», di Celso Blanco Cadahía (Chantada, 1954) mentres avisa a outra profesora de que aproveita o recreo para ir a por uns cafés. Desde o ano 2005 é mestre de Educación Física no CEIP Mestre Vide e vén de ser proposto como mellor docente do ano nos premios Educa que organiza Abanca.

-Ten idea de quen puido propoñelo e por que?

-Teño que dicir que agradezo o recoñecemento, pero que non sei quen puido ser e que ademais eu entendo que aquí traballamos todos a unha. Eu non teño programas especiais como vin doutros docentes seleccionados para o premio, así que non sei por que estou entre os candidatos. Entereime cando os da organización me mandaron un correo electrónico. Pedíronme o currículo para completar a solicitude pero eu non o vou enviar. Como me van dar a min un premio así? Terían que darllo a tódolos que estamos neste centro.

-Se non fai nada especial por que pensa que o puideron propoñer?

-A ver. Pode ser polo que facemos co bádminton. Pero tampouco é nada extraordinario e levamos con iso case dez anos.

-Que é exactamente?

-Pois os martes e xoves damos clases de bádminton, dúas horas cada día, gratis no pavillón do cole. Comezou sendo unha actividade só para os pais e nais. Pero ao pouco tempo viñeron cos nenos tamén e agora é unha actividade conxunta para todos. E para algúns dos pequenos supuxo incluso que lle colleran o gusto ao deporte. Tanto é así que o ano pasado competimos a nivel nacional. Quedamos sétimos.

-Refórzanse os vínculos entre pais, fillos, mestre e centro educativo dese xeito tamén. Iso non lle parece importante?

-Si, refórzanse moito e serve para que os pais gocen dos seus fillos, porque parece que vivimos con moitas présas. Resulta imprescindible pasar tempo con eles e que haxa algunha actividade que se realice conxuntamente sempre favorece o desenvolvemento dos cativos.

-E supoño que o deporte é unha boa ferramenta para a integración...

-É un bo método, si. Eu xoguei ao fútbol profesional no Ourense fai tempo, pero deixeino aos 25. Preparei a oposición por Matemáticas e despois fixen un curso dos que facilitaba a Xunta para meterme a ximnasia. Sempre me gustou a capacidade do deporte de servir para algo máis que para facer exercicio. As Matemáticas tamén se poden traballar co deporte. As áreas, as multiplicacións ou as lonxitudes. Ás veces, cando algún se porta mal, dígolles que os vou castigar achando a área dos círculos dunha cancha de baloncesto.

-En serio?

-É broma. Ás veces dígollo, pero logo esquézome dos castigos. Son un pouco brando nese sentido.

-E despois de tantos anos, cal é o requisito indispensable para ser un bo mestre segundo vostede?

-Ter moita paciencia e esperar o mellor de cada neno. Non frustralos nin frustrarse por non ver resultados a curto prazo. Por moitos problemas que poidan ter os rapaces, sempre son quen de mellorar as súas capacidades. No cole temos un neno con síndrome de Down e outro con Asperger, pero os dous están plenamente integrados. Só fai falla cariño, paciencia e esperanza.

«Desde fai case dez anos dou clases de bádminton gratis no colexio para pais e alumnos»

«Sempre me gustou a capacidade do deporte de servir para máis que para facer exercicio»

«Nótase moito cando a un neno lle explicaron na casa que ten que obedecer en clase»

Celso atravesa os corredoiros e o patio do recreo con rapidez e recollendo papeis ou cabichas que algún pai tira ao chan cando recolle aos seus fillos. Ten vista panorámica e advirte calquera perigo velozmente. Nótase que vai con ganas ao traballo e que cando el falte o caos dun colexio con preto de 500 botarano en falta.

-A xubilación está próxima. Imaxínase capaz de vivir sen traballar ou vaille custar?

-Imaxínome ben por dous motivos. Mellor dito, tres. O primeiro é que terei máis tempo para facer deporte. O segundo é que xa teño netos e quero pasar máis tempo con eles. E por suposto axudar máis á miña muller. É certo que o que fago gústame moito, pero xa pensei en continuar as clases de bádminton no colexio das miñas netas cando me xubile.

-En todos os anos que leva como profesor en que cre que cambiou a docencia?

-Pois creo que é un tópico que moitos dos que xa son vellos adoitan contestar cando se fai esta pregunta, pero é o que penso eu tamén. Fai anos, incluso cando eu ía a escola, había moita máis confianza no criterio do profesor. Se che rifaban era por algo, non por capricho do mestre ou porque a tivera tomada contigo. Hoxe en día, aínda que a maioría dos pais son un encanto, parece que hai reticencia a respectar a postura do mestre. E nótase moito na clase cando a un neno lle explicaron na casa que ten de obedecer ao profesor, e cando non.

-Saen ben preparados os profesores da facultade?

-Eu penso que si. Cada vez saen mellor preparados e o bo é que a maioría escolleron a profesión por vocación. Así é imposible que a Educación funcione mal. Non nos podemos queixar. Aínda que, como en todo, pódese mellorar.