Trinta novos modelos de coches presentaranse en Expourense

No Salón do Autombil, que comeza mañá, participan dezaseis empresas representando a 22 marcas


Expourense convértese durante as próximas dúas fines de semana no maior concesionario de Galicia coa celebración do Décimo Salón do Automóbil, que presentará a oferta máis completa con coches, xa que nesta cita participan 16 empresas representando a 22 marcas que chegan co obxectivo de acadar a cifra de 400 vehículos vendidos. Participarán como expositores todos os concesionarios da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, Acauto. Dende mañá e ata o domingo celébrase o Salón do Vehículo Novo, e dende o 26 ó 28 de outubro o do Vehículo de Ocasión. Os eventos están organizados de forma conxunta entre Expourense e Acauto e son un magnífico exemplo da cooperación que o recinto ferial mantén co tecido empresarial da provincia, apoiando e servindo de plataforma para o desenvolvemento do negocio das empresas locais. Por calidade, cantidade, variedade e prezos especiais en feira, esta cita supón unha magnífica oportunidade para aqueles que buscan un coche novo, ao mesmo tempo que permitirá a renovación do parque circulante da provincia de Ourense, que ten unha media de idade de 12 anos de antigüidade. Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido. Este ano repítese tamén a colaboración con Cáritas Ourense, presente cun stand informativo, e que recibirán ao rematar estas citas unha cantidade de euros fixa por cada vehículo vendido que será achegada entre Expourense e Acauto.

Stop Accidentes

Ademais os organizadores colaborarán de novo con Stop Accidentes, que contará cun expositor informativo no que explicarán a necesidade de que os vehículos conten cunha Folla de rescate que facilite o labor dos servizos de emerxencia en caso de accidente, xa que é un mapa do vehículo que recolle todas as súas características físicas pero tamén os sistemas de seguridade pasiva e electrónicos. Tamén promocionarán o protocolo PAS (Previr, Avisar, Socorrer) para que o público saiba cómo actuar correctamente no caso de atoparse cun accidente de tráfico.

O obxectivo destas citas é presentar no recinto feiral unha oferta completa e atractiva, que cubra todas as gamas e modelos de vehículos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos visitantes. Trátase dun público obxectivo e amplo que poderá consultar nun mesmo espazo e de forma axeitada toda a oferta existente no mercado ourensán, e comparar opcións antes de decidir a compra do seu vehículo.

O horario do salón será os venres 19 e 26 de outubro de 11.00 a 20.30 h.; os sábados 20 e 27 de outubro de 10.00 a 20.30 h., e os domingos 21 e 28 de outubro de 11.00 a 20.00 h. O prezo da entrada son 3 euros por cada salón (menores de ata 12 anos entrada gratuíta). Para facilitar a visita das familias ao recinto e a elección máis cómoda do vehículo, estas citas ofrecen servizo de ludoteca gratuito.

Este salón acollerá a presentación de 30 novos modelos, algúns deles poderanse ver por primeira vez en Galicia ou en España. Todas as marcas aproveitarán a súa presenza para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara a campaña do 2019. Ese modelos serán Hyunday Santa Fe; Volvo XC40; Skoda Karoq; Opel Corsa (GLP), Mokka(GLP) y Combo Life; Citroën Berlingo e C4 Cactus 7; Audi Q8 e A6; Volkswagen Touareg 7; BMW X5 e Serie 8; Fiat 500X; Mazda CX5 e MX5; Kia Ceed e Stinger; Mercedes A, C e CLS; Renault Megane RS; Dacia Duster; Peugeot Rifter e 508; Ford Focus, KA + Active e Fiesta Active; e Toyota Aygo e Hilux.

As ofertas farán das feiras o momento ideal para cambiar de coche

Dende a asociación de concesionarios Acauto indican que agora mesmo é o «momento ideal para mercar un coche xa que os fabricantes están a loitar polo liderado do mercado nos resultados anuais e iso conleva axustes nos prezos», explica o vicepresidente Gerardo Aragonés. Por outro lado, despois de varias edicións, xa existe no comprador ourensán o costume de agardar á celebración deste salón para mercar un vehículo xa que «saben que a Expourense vimos con ofertas imbatibles e con descontos que non se poden atopar fóra do salón». As vendas de vehículos na provincia de Ourense medraron nun 9,73% respecto ao ano pasado, un dato un pouco inferior á media de Galicia e do resto de España, «pero esta desaceleración na provincia corríxese despois da celebración do salón do automóbil en Expourense», indicou o presidente de Acauto, Ramón Seijas, durante a presentación desta cita.

Tamén é un bo momento para cambiar de coche porque acaban de saír o mercado as novidades para a campaña 2019 e isto implica a baixada de prezos dos modelos anteriores xa que os fabricantes sacan promocións especiais para liquidar eses vehículos e moitos deles pasan a ser quilómetro 0 co desconto que iso supón. Polo que respecta á compra dun vehículo de ocasión, dende Acauto recomendan acudir sempre a profesionais porque estes ofrecen unhas garantías inexistentes nas transaccións entre particulares xa que, por lei, hai que ofrecer un ano de garantía total, sendo moitas as empresas que a extenden ata dous anos ou máis.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Trinta novos modelos de coches presentaranse en Expourense