Ledicia Costas: «Eu adoito fuxir sempre dos discursos moralistas e didácticos»

A escritora viguesa presenta «A balada dos unicornios», novela que obtivo o Premio Lazarillo


Ledicia Costas (Vigo, 1979) presenta mañá na Casa do Libro da cidade de Vigo a súa nova novela A balada dos unicornios (Xerais), que tamén sae en castelán coa editorial Anaya.

-¿Participou na decisión de editar o libro coas tapas duras e un deseño tan clásico?

-Para min é un luxo porque hoxe custa moito en Galicia atopar libros de tapas duras e ilustrados. A min gústame moito ese concepto de libro bonito e obxecto. Estou contentísima.

-¿Que nos quere contar neste novo libro?

-Quero contar unha historia de fantasía steampunk, que é como lle chaman a esta estética ambientada no Londres vitoriano. Imos atopar aventuras, personaxes, como Jack o Destripador e, sobre todo, unha loita entre corvos e unicornios. Aí está a fantasía máis pura.

-¿Estamos ante unha loita entre o ben e o mal?

-Si, o ben vén representado polas albinas, que son meigas blancas, que son as unicornios; e logo temos o clan das córvidas, que representan ao mal. Imos tamén a atopar una escola de artefactos e oficios.

-¿Ten que ver coa nosa Escola de Artes e Oficios?

-Si, eu quería crear unha institución para mentes brillantes capaces de crear e construír as invencións máis estrafalarias, así que dixen que podíamos levar a nosa Escola de Artes e Oficios de Vigo ao Londres vitoriano. É una escola gobernada pola perversa Cornelia, a raíña das córvidas.

-¿Que lle proporciona a fantasía á hora de escribir?

-A min gústame moitísimo a fantasía, e sei que é unha aposta arriscada porque non é unha fantasía amable. O lectorado vai atopar capítulos cheos de descrición de lugares moi fermosos, pero tamén vai atopar a parte cruel; temos un asasino como Jack O Destripador, un tipo que se dedicaba a matar prostitutas. A fantasía dáme a posibilidade de ser absolutamente libre e de crear universos ricos, vizosos e ponderosos nos que eu me sinto realmente cómoda.

-¿Hai unha intención moralizante neste novo traballo?

-Eu non son nada moralista e adoito fuxir sempre dos discursos moralistas e didácticos. Eu constrúo un universo e unha historia, que neste caso é unha persecución ou unha busca do xeito de salvarlle a vida a un amigo. Claro que aí se mesturan sentimentos que son comúns a todos os seres humanos, como o odio, a vinganza ou o amor. Cada lector ou lectora poderá sacar as súas propias conclusións, pero intento non dar leccións.

-¿Vai dirixido a algún sector de público?

-Entendo que hai que poñer etiquetas, pero ao final creo que hai historias clásicas e contemporáneas que poden ser gozadas por todo tipo de públicos. Creo que é fantástico que o poda ler un rapaz ou rapaza de 13 ou 14 anos, pero tamén un adulto. As historias de aventuras teñen esa vantaxe, que o seu espectro de lector é moi amplo.

-Daquela o importante do asunto é escribila ben.

-Iso teñen que dicilo os lectores, eu intento facelo o mellor que podo porque poño todo da miña parte.

-Algo terá de certo se acadou, por segunda vez, o Premio Lazarillo.

-Cando un libro sae cun premio como é o Lazarillo, que é o máis antigo do Estado español, é un aval de calidade, claro. Facilita que sexa máis visible, que haxa outra atención. A min este premio dáme moito orgullo porque eu presentei a obra en galego e o xurado era de toda España, con representantes das catro linguas. Faime sentir orgullosa porque é unha obra escrita en lingua galega e premiada nun ámbito global.

-Vostede está demostrando que escribindo en galego pódese chegar a ser traducida ao coreano, como vaille ocorrer a «Escarlatina».

-¡A Corea e a Bulgaria! Van saír dous libros meus en búlgado, o de Jules Verne e Escarlatina, pero o de Corea é xenial polo exótico dos seus caracteres. Co galego podemos chegar a lugares tan alonxados coma Corea. Pouco a pouco estou conseguindo iso que tanto me preocupa coma é a internacionalización da lingua galega.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Ledicia Costas: «Eu adoito fuxir sempre dos discursos moralistas e didácticos»