Grupos de España, Portugal, Arxentina, Israel e Chile pasarán ente o 4 e o 14 de outubro pola cidade
28 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Do 4 ao 14 de outubro • Diferentes horarios • Rúas da cidade, Teatro Principal e Auditorio de Ourense • 8 euros • Xa van alá once anos dende que Ourense apostara, da man dos membros de Sarabela, por crear un certame de teatro internacional. O compromiso está máis vivo que nunca e o FITO 2018 chegará a próxima semana cunha ampla oferta de espectáculos, cunha destacada presenza de grupos internacionais, coas propostas galegas que están a ter unha mellor acollida fóra de Galicia e cunha manchea de estreas: absolutas, nacionais e galegas. Os actores de Sarabela, con Sabela Gago como responsábel do FITO, a concelleira de Cultura de Ourense, Belén Iglesias, o director da Agadic, Jacobo Sutil, e o asesor cultural da Deputación, Aurelio Gómez Villar, presentaron o programa do festival deste ano.
No apartado de estreas a absoluta correrá a cargo de Trécola e a súa montaxe «Sentido». Os grupos de Arxentina -Sottotus participará con «Inestable»- e Israel -Davai trae «En construcción»- protagonizarán as estreas estatais e La Plancha -«La última boqueá»-, Moma Teatre -«José K Torturado»- e Teatro en Vilo -«Interrupted»- chegarán con obras que se poderán ver por vez primeira en Galicia.
En total serán 16 os espectáculos que se ofrecerán no FITO 2018, a cargo de compañías de todo o Estado, Portugal, Arxentina, Israel e Chile. O FITO 2018 chega, ademais de co compromiso da internacionalización, cunha importante presenza dos novos autores, xunto con texto senlleiros do teatro. Carlos Alfaro -«José K Torturado»-, Selu Nieto -«La última boqueá»- e Mariano Barroso e Alejandro Fernández -«Todas las mujeres»- son os novos autores e «Unha habitación propia», de Virginia Wolf, o texto de referencia. O presenza galega correrá a cargo de IO, A Panadería, Trécola e Matarile Teatro.
Encontro de mulleres
O festival incluirá una nova edición do Programa Encontro Mulleres. Do 12 ao 14 haberá mesas e debates no Auditorio sobre cultura, creación feminina, a experiencia de A Caixa de Pandora ou a concienciación.