Ana Belén Vázquez: «Os galegos non emigraban botando cal viva á Garda Civil»

m. a. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Agostiño Iglesias

«Agora incrementaremos as preguntas», avanza a deputada do PP ourensán para o novo curso

23 sep 2018 . Actualizado a las 12:00 h.

Ana Belén Vázquez é a única ourensá na dirección de Pablo Casado á fronte do PP. Di que votou por el para liderar o partido pola amizade que os uniu cando ambos eran presidentes das Novas Xeracións, el en Madrid e ela en Ourense. «Foi iso o que máis pesou porque politicamente, tanto Pablo como Soraya, serían uns líderes inmellorables», di.

-Baltar apoiou a Soraya. Foi traumático para vostede contradicilo?

-Non, na provincia déusenos liberdade absoluta para que apoiáramos a quen quixésemos. O presidente dixo que votásemos a quen quixésemos e, habida conta diso, eu tomei a decisión de apoiar a un amigo neste caso.

-Casado encargoulle a secretaría de Emigración. Que retos ten nesa área?

-É unha secretaría que para nós, para Galicia, era moi importante. É a primeira vez que unha persoa de Galicia vai levar o tema da emigración. Aparte do tema social que supón a emigración e o contacto cos emigrantes, sobre todo temos que acordarnos de Venezuela. Temos que, como partido, dar resposta ao que está pasando alí ou en Nicaragua. Temos representación en 66 cidades, en 32 países, máis de 15.000 afiliados no exterior, e temos que traballar con eles para que non se sintan alonxados ou que só contamos con eles cando chegan unhas eleccións.

-Non é unha incoherencia defender os dereitos dos españois no exterior e, á vez, manter un discurso tan crítico coa emigración que recibe España?

-Non ten nada que ver. Mira, o meu pai foi emigrante en Venezuela, pero foi co seu contrato de traballo. Todos ían con papeis e con contratos; os galegos non emigraban asaltando unha valla, botando cal viva e agredindo á Garda Civil. Estamos falando de cousas distintas. Eu penso que España efectivamente ten que ser un país receptor coa emigración, pero sempre que sexa legal. Non podemos darlles papeis a todos e darlles dereitos a todos.

-Non todos os galegos emigraron con contratos.

-A min o que me consta é que en Venezuela sen un contrato de traballo non te deixaban entrar. Ou iso era o que me dicía meu pai e créoo. E tampouco me imaxino a ningún galego que se fora por aí pegándolle á policía para entrar nun país. Hai unhas leis que cumprir e efectivamente nós necesitamos poboación, pero que veña baixo un criterio de legalidade.

-Que valoración fai da xestión de Pedro Sánchez?

-Todo o que sabemos é un concerto onde usou un medio público cos seus amigos, que agora é segredo de Estado parece ser, e eu, que son a portavoz na comisión de seguridade nacional, preguntarei e aí nos terá que dicir o que custou ese Falcon a Castellón. Ademais estamos vendo como todo o comité executivo do PSOE está en cargos de empresas públicas e non destinados a políticos. E, por outra parte, eu vexo que é un señor que, como non ten futuro, dedícase a falar do pasado e de Franco.

-Que facemos entón co ditador? Que quede onde está?

-Eu nacín no ano 75 e tiña seis meses cando morreu Franco. A min paréceme que é un ditador enterrado e aí é onde ten que estar, enterrado. ¿Que o queren quitar? Que o quiten, que o leven para casa se queren. Para min, é insignificante onde está. A min ninguén me para pola rúa para preguntarme que facemos co ditador.

-Que prioridades terá agora como deputada da oposición no control do Goberno do PSOE?

-Agora incrementaremos as preguntas porque antes chamabas ao Goberno e xa te informaban directamente. Como somos tres compañeiros, cada un optou por un área en concreto. Eu levarei os temas de Interior e seguridade e vixiaremos o cumprimento dos compromisos que tiñamos, como a creación dunha unidade para evitar os roubos no rural para reforzar a comandancia da Garda Civil de Ourense. Tamén estaremos atentos a melloras na comisaría de Ourense, as obras do 1,5 % cultural, etcétera.