Froitas e fichas

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

15 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Se ten vostede un coche diesel e gusta de comer froita fresca, ¡Noraboa! Significa que vostede ten un salario medio digno que lle permite afrontar o custo de produtos do día a día que se teñen convertido en artigos de luxo que xa non están ao alcance de todos os petos. Ata un 15 % sube a froita debido á especulación, porque se vostede o que fai é cultivala, seguro que di que lla pagan fatal. E non minte. Vivimos nun mundo que está tolo, ou ¿será que están tolos os que nos gobernan? Porque algo terán que facer para evitar que a luz non deixe de subir a pesar de que non hai seca e as hidroeléctricas non teñen sobrecustes na produción (que iso sempre o pagamos todos, pero cando teñen reparto de dividendos, aí esquécense de nós); ou para que a froita sexa algo inalcanzable para moitas familias que ademais de pobreza enerxética sofren agora pobreza de alimentos básicos na pirámide alimentaria. E todo ese gasto chega en setembro, ese mes no que hai familias que as pasan apretado para afrontar os 200 euros que custan os libros dun neno de 5 anos. ¿200 euros en fichas? Estamos tolos. Non hai outra maneira de definilo. Porque senón non se explica. Chega a nómina (bendita nómina, que non todos teñen) e unha vez pagadas facturas e gastos correntes, aínda chega o atraco da froitería. Alimente ben aos nenos. ¿Como? Se un kilo de pexegos custa 3,50 e catro pezas redondas de chocolate están de oferta a un... algún peto non terá máis remedio que ir aos bolos industriais para garantir que os seus cativos poidan merendar. Iso si, despois de pintar no colexio fichas que custan case 200 euros. Algo non estamos calibrando ben.