O valor do humor e da imaxe na obra de Eduardo Blanco Amor

Siro López e Carlos Laíño mostraron as habilidades do autor ourensán nestas materias na súa obra


ourense / la voz

No día de onte celebrouse o 121 aniversario do nacemento de Eduardo Blanco Amor e a fundación que leva o seu nome quixo lembrar a data afondando en dous aspectos ligados á súa obra, e tamén a súa forma de entender e describir a vida. Luís González Tosar foi o encargado de presentar aos protagonistas da xornada. Carlos Laíño, que forma parte da fundación e que conta cunha importante colección de obras e documentación de Blanco Amor -ademais da cámara de escribir e do equipo fotográfico que o autor utilizou dende o ano 1935-, incidiu no valor da imaxe na súa obra. «Quero que a xente coñeza o feito fotográfico na obra de Eduardo. Dende a perspectiva dun amigo que fala». Laíño destacou: «Eduardo, que era un gran comunicador, dominou o idioma da escrita, pero tamén se asomou como persoa curiosa á fotografía. E viu que era un complemento, outra linguaxe. E ao final da súa vida dominou os dous aspectos. Era capaz de comunicar coa escrita e coa imaxe». E a temática, explicou, era moi variada, dende retratos formais e con amizades a imaxes homoeróticas. «Hai máis de tres mil negativos. Era toda unha vida, son 60 anos. Con elas percorres toda a traxectoria do escritor» explicou. E ambos, tanto Carlos Laíño como Siro López, lembraron que as fotografías feitas por Blanco Amor son reeditadas e reeditadas se pór o nome do autor, como sucede con algunhas nas que aparece Lorca.

Pola súa parte, Siro López afondou no humor na obra do autor. Hai moitos anos que en La Voz de Galicia reflexiona sobre este aspecto, sobre todo no texto de A Esmorga. «É evidente que todos os grandes autores galegos botan man do humor como condimento da súa narrativa», dixo. Distinguiu as distintas formas de humor para poder incidir na de Blanco Amor: a comicidade, a sátira e o humorismo.

Para o humorista Siro López: «Blanco Amor é un home de gran sentido do humor e un gran creador. E fai de todo: comicidade, sátira e humorismo. E nas súas obras vese que domina perfectamente a primeira técnica», explicou. E engadiu que en A Esmorga, a declaración da personaxe Cibrán ante o xuíz é moi parecida a que facía Laureano Oubiña ante os xuíces. «A diferenza é que o primeiro facíase o ignorante coma unha defensa, utilizando a retranca. Mentres que en A Esmorga, o Cibrán é así e Blanco Amor é o que carga as tintas e caricaturiza ao personaxe para facer rir o sorrir ao lector», relatou. Tamén falou do autor satírico e do autenticamente humorista, ao facer rir e emocionar. «O conto que dá vida ao libro Os Biosbardos é unha maravilla. É conmovedor e lírico. O lirismo e o humorismo normalmente van collidos da man. Non sei se estudiara sobre isto ou era por pura intuición».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

O valor do humor e da imaxe na obra de Eduardo Blanco Amor