A auga non é viño


Vostede que vive en Ourense poderá comprobar, tal e como explicaba o presidente de Confederación en La Voz onte, que «a grande proliferación de encoros na conca do Miño ten morto o río». Recorrendo a provincia vese que son demasiados os embalses espallados polos nosos ríos. Nosos porque son de todos. Estaban aí antes ca nós e seguirán (se as eléctricas non os matan antes) cando nós non esteamos. As empresas sácanlles rendemento económico, e nós beneficiámonos das comodidades que supón prender a luz ou poñer a lavadora. Todo ben. O que non semella tan ben é que nun ano libre de seca (desta volta non poden dicir que non choveu) e en pleno verán esteamos pagando a luz máis cara ca nunca. «As compañías eléctricas, lamentablemente, só pensan en termos económicos», dicía tamén José Antonio Quiroga, que é como se chama o novo presidente da CHMS. Pois haberá que facer que pensen doutra maneira... ¿Ou será que poden estragar os nosos ríos -facendo que o caudal dos ríos suba ou baixe case que sen motivo, porque nin choveu nin sumamos seca- e despois cobrarnos a luz coma se fora un artigo de luxo? E non o é. Ou non debería ser. Haberá quen o estea pasando estreito e poida renunciar ás duchas de auga quente agora que aínda sae medio morniña pola billa, pero, ¿que pasará cando chegue o inverno e os termómetros marquen baixo cero? Será outro ano máis falando de pobreza enerxética, de ourensáns que teñen que pasar frío porque non lles chega para a factura, mentres as eléctricas esquilman os ríos, que son de todos.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ourense

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A auga non é viño