«Fan fillo predilecto a Benito Losada o mesmo ano que deixan caer o Outono»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Agostiño Iglesias

Vítor Sierra Nieves, director artístico do Outono Fotográfico, dao por «morto» pero non descarta outra cita noutra cidade

12 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A finais do mes pasado os organizadores do Outono Fotográfico deron por desaparecido o festival. Explicaron que a decisión do Concello de Ourense de non liberar a subvención comprometida para a edición 2017, que ascendía a 9.000 euros, levaba asociada a «morte» do certame. Vítor Sierra Nieves, director artístico do Outono, afirma que foi unha decisión política máis que técnica.

-¿Está morto e enterrado o Outono Fotográfico?

-Está desaparecido. A asociación Outono Fotográfico segue viva, pero non o festival.

-¿Podería recuperarse no futuro?

-Non é viable. As perdas adquiridas son do Concello de Ourense que xa dixo que non as pagaría e ningunha outra administración pode facerse cargo. O certo é que temos pensado falar e reunirnos con outras para, ao mellor, facer outros modelos de festival e seguir facendo cousas. O Outono como se coñece dende hai 35 anos xa non ten sentido.

-¿Que outras administracións colaboran co Outono?

-Os concellos de A Coruña, Santiago e Lalín; ademais da Universidade de Vigo, a través da súa vicerreitoría. A Deputación e a Xunta saíron como patrocinadores despois da morte de Benito Losada (creador do festival). É verdade que o centro cultural pagaba os gastos do transporte das súas exposicións.

-¿O resto das administracións fixeron a súas contribucións?

-Fixeron as do 2017. E tivemos que rexeitar as deste ano porque non facemos o festival. Estaban aprobadas, pero son máis pequenas que a do Concello de Ourense e non chegan. Algunha desas administracións puxéronse á nosa disposición. Por iso dicimos que o Outono está morto, pero podemos facer outro festival noutra cidade, que tería outro nome.

-¿Como se chega ata este punto de non retorno?

-Coa programación que temos, de máis dun cento de exposicións, nada máis acabamos cunha edición, temos que comezar a organizar a seguinte. Pero a confirmación do Concello de Ourense non a temos ata moito máis tarde. Na presentación da edición do 2017, o alcalde de Ourense asistiu e aínda que non tiñamos confirmada a contribución de 9.000 euros, entendemos que coa súa presenza faino, aínda así, recordámoslle que non a temos. Dixo que non o sabía pero en novembro confirmou que si. Quedamos bastante aliviados, e móntase o festival. E en xaneiro deste ano, cando iamos facer o catálogo, onde dabamos conta de todo o que fixemos, vemos que non podemos meter o libro na imprenta, porque non recibiramos a contribución. Dende ese mes fixemos unhas once reunións coas concelleiras de Cultura e Xuventude e coa técnica. Nunca co alcalde, aínda que se lle solicitou cita en catro ocasións e nunca respondeu. Aínda que houbo encontros informais en actos da cidade onde falamos con el disto. Sempre nos dicían que había dificultades técnicas, aínda que nós sabemos que é un problema político, porque se houbera vontade de solucionalo daba igual o que dixeran os técnicos, O Concello de Ourense, como todos, sacan proxectos adiante aínda que os técnicos digan o contrario.

-¿Puxeron unha data límite a esta situación?

-Chegou un punto no que ata a técnica nos dixo: «Ourense non necesita un festival de fotografía contemporánea». É una opinión respectable, pero... Dende a asociación non podiamos retrasar máis todo o tema, porque tiñamos que comezar xa coa edición do 2018. En xuño enviamos un último escrito cunha data límite, finais de xuño. E responderon que non se facían cargo da débeda.

-Detrás da desaparición do Outono Fotográfico está o recordo de Benito Losada, o seu impulsor.

-No fondo de todo isto subxace iso. No mesmo ano que fan fillo predilecto a Benito Losada deixan caer o Outono Fotográfico, o evento mais importante que creou, por 9.000 euros. Pero non é a primeira vez que sucede algo así, aínda que con eventos con menos forza que o Outono Fotográfico. Foron os casos da Bienal de Caricatura, da Bienal de Banda Deseñada... Foron deixándose morrer.