«Lanzamos un xogo de mesa no que ser galego ten as súas vantaxes»

lucía martínez / r. n. OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Agostiño Iglesias

Eladino Cabanela creou «Ti non es de aquí», con preguntas relacionadas coa cultura galega

10 ago 2018 . Actualizado a las 17:58 h.

Hai cousas que comezan ao azar, sen querelo. É precisamente desta maneira aflorou a marca OZOCOgz deseño-galego, aló polo ano 2012 e da man do carballiñés Eladino Cabanelas. Camisolas, chapas, cadernos... son exemplos de produtos que a marca comercializa. «Ti non es de aquí?» é o nome do xogo de mesa que víu a luz o pasado mes. Pode mercarse na tenda online ou en librerías, e está formado por preguntas centradas na cultura galega.

-Como xurdiu a marca?

-A idea da marca foi case por casualidade. Eu son deseñador gráfico e en principio traballo para clientes facendo deseño compartido. Pero había tempo que tiña na mente un deseño que é o que despois deu nome á marca: un zoco, baseándome na zapatilla de Converse. En lugar de poñer unha zapatilla puxen un zoco e a frase «Convértete ao galego!». Así medio en broma cun par de amiguetes fixemos unhas camisolas para o Festigal o 25 de xullo e vendemos máis de cen. A idea foi madurando e creamos a marca OZOCOgz deseño-galego.

-Cal diría que é a identidade de OZOCOgz?

-Unha aposta moi clara pola cultura, de achegar moito máis e non quedar soamente nunha marca comercial para vender as nosas cousas. De feito, temos un concurso literario, levamos xa seis edicións. É un concurso de microrrelatos onde implicamos a autores consagrados que nos veñen de xurado e fomentamos tamén o turismo rural, xa que buscamos sempre unha casa rural que nos ceda o primeiro premio para o gañador. Nese afán de poder axudar editamos ademais un libro cas catro primeiras edicións, e o diñeiro recaudado vai para a asociación Aspadisi.

-Por que un xogo de mesa?

-Sempre me gustou moito o tema da papelería. Empezamos facendo cadernos con escritores coñecidos, con frases deles bastantes reivindicativas a prol do galego e do país. Despois diso pensamos nalgún produto que non haxa en galego, e vin que había unha eiva moi grande. Agás un xogo tipo trivial que xa pode ter uns seis anos, non había nada no mercado. Maduramos a idea dun xogo de mesa para adultos, porque se a min me gusta, é moi probable que haxa máis xente cos meus propios gustos e así naceu o xogo. O nome é un pouco unha brincadeira, o que se trata de comercialmente venderlle á xente é que é un xogo no que ser galego ou galega ten as súas vantaxes.

-De que vai o xogo?

-É un pouco cultura xeral. Hai distintas categorías: patrimonio; lingua e literatura; actualidade con preguntas de música, televisión e cinema; xeografía, ciencias e historia. Ten 875 preguntas, 175 por cada categoría. O xogo está enfocado cara adultos, xa que hai preguntas con máis dificultade, pero poden xogar nenos a partir de cuarto da ESO.

-Como é a dinámica?

-Non é o xogo da típica pregunta, neste caso é por eliminación. Aparece un tema e hai catro opcións, unha delas é falsa. Vas avanzando sobre un mapa de Galiza e hai catro casillas que son as capitais de provincia, que teñen o seu aquel, porque podes avanzar cinco se atinas ou ben vas atrás dez casillas.

-Que outras propostas desenvolve?

-Ademais de camisolas, chapas, cadernos… temos outros xogos tradicionais e os concursos. No tocante ao xogo, vemos que está funcionando ben, é moi posible que saquemos unha versión júnior para nenos.

-Todo isto en galego, por que?

- Porque non podería ser doutra maneira. Queremos normalizar un pouco que pode haber cousas en galego que xa as hai en castelán por todas partes. Tentamos entrar polo ollo co deseño, que sexa atractivo e que guste á xente.