A Xunta crea o premio Otero Pedrayo de ensaio en galego

e. filgueira OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O novo certame pretende fomentar o idioma e máis o coñecemento xeográfico e cultural do territorio galego

08 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O premio Otero Pedrayo de Ensaio nace cunha dobre vertente. Por un lado, a Xunta busca fomentar a mellora do coñecemento xeográfico e paisaxístico de Galicia desde a vertente do patrimonio cultural, ao mesmo tempo que se promove a investigación e a produción ensaística sobre esta materia en lingua galega. Así mesmo, este recoñecemento servirá para homenaxear a figura do ilustre intelectual ourensán, polígrafo, intérprete e investigador da xeografía, o territorio, a paisaxe e a cultura do país.

O premio, cuxa primeira edición xa se está a preparar pola carteira de Cultura, estará dotado con 5.000 euros e recoñecerá textos inéditos escritos en galego conforme á normativa vixente, en relación con labores de investigación e produción de coñecemento sobre a paisaxe e patrimonio cultural de Galicia. Para outorgalo valoraranse, entre outras cousas, a orixinalidade do enfoque e os elementos de innovación e creación, a singularidade da perspectiva histórica ou metodolóxica e a calidade literaria do texto.

A primeira edición do galardón -segundo anunciou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, no seu encontro de onte co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar- convocarase este mesmo ano e fallarase no vindeiro 2019.

Poderá optar ao premio calquera persoa física, maior de idade, que presente un texto sobre a devandita materia, con carácter divulgativo, e cunha extensión entre os 150.000 e 450.000 caracteres, incluíndo espazos. As datas de presentación de traballos daranse a coñecer nos próximos meses.