O Festival de Teatro Galego aposta polas mulleres na súa programación

E. Filgueira OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Santi M. Amil

Os días 22, 23 e 24 de agosto O Carballiño será o epicentro do teatro autóctono

08 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Este ano o Festival de Teatro Galego (Fetega) non terá premio ao mellor actor masculino. Porén, haberá un premio ao mellor espectáculo de rúa. Así o explicou a directora do mesmo na rolda de prensa na que se deu a coñecer a programación desta edición.

O motivo principal reside na forte presenza feminina de creadoras e actrices galegas coas que este ano contará o Fetega. «Tentamos buscar unha programación que fora paritaria e foi tan grande o esforzo que fixemos para darlle visibilidade á muller que o 90 % do cartel está composto por creadoras», destacou Josi Lage.

As obras que o público poderá desfrutar son «Lolo e mamá» -con Stephy Llaryora e Josi Lage-, «Elisa e Marcela» -da compañía A Panadaría- e «Chola a it girl» -con Lucía Martínez, Roi Fernández, Fran Martínez e Héctor Pazos-. Ademais, durante os tres días do festival, haberá animación de rúa, obradoiros e unha mesa redonda sobre o pasado, presente e futuro das mulleres na escena galega.

Por outra banda, a directora do certame amosou o seu descontento coa falta de axudas deste ano para a celebración do mesmo. «O único festival de teatro exclusivamente en galego e que leva vintenove edicións é deixado de lado nas subvencións por Agadic», reclamou Josi Lage á vez que agradeceu ao Concello do Carballiño, á Deputación e a empresa Montañesa a súa colaboración para desenvolver a programación.

O premio de honra deste ano será para a actriz galega Marta Pazos.