«Á sociedade fáltalle aprender a mirar á persoa que hai trala discapacidade»

Fina Ulloa
fina ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE

cedida

O colectivo Discamino convértese en protagonista dun novo proxecto audiovisual de Rubén Riós

18 jul 2018 . Actualizado a las 17:19 h.

A implicación de Rubén Riós cos colectivos de persoas con algún tipo de discapacidade vén de lonxe, pero foi no ano 2012 cando esa relación deu un xiro cualitativo que, como el mesmo recoñece, fíxolle abrir os ollos á realidade vital desas persoas. O actor e produtor ourensán iniciou entón un camiño centrado en que a sociedade mirase doutro xeito, lonxe da conmiseración ou a compaixón as persoas con discapacidade. Nas últimas semanas estivo pedaleando no Camiño de Santiago, cámara en ristre, para dar un paso máis nese obxectivo cun proxecto que titula El camino de la verdad.

-Como xorde esta nova aventura?

-Todo é consecuencia daquel proxecto coa hoxe desaparecida Aspanas Termal. Aquilo supuxo para min un antes e un despois. A sorpresa foi tan grande ao coñecelos de verdade, cando comecei a entrar na esencia dun colectivo que coñecía como colaborador, que despois da curtametraxe Vida decidimos facer o documental Máis ca vida. A raíz dos resultados educativos e pedagóxicos que conseguimos pensamos que isto tiña que converterse nunha ferramenta de traballo con continuidade e non só nun proxecto de alfombra vermella. Propuxémonos coñecer mellor outras realidades. Nalgúns casos fomos nós os que petamos na porta deles e noutros foi ó revés. Este proxecto é un deses casos.

-Por que elixiron a Discamino?

-Sempre valoramos se nós estamos capacitados para encaixar tódalas pezas do puzle que reflicta a realidade de cada colectivo. Por iso achegámonos as actividades que fan e convivimos primeiro con eles un tempo antes de decidir se temos capacidade para amosar esa realidade de xeito honesto. A iniciativa de Discamino foi unha das que máis nos sorprendeu. É un colectivo nacido en 2009, impulsado por Javier Pitillas, un inspector da policía de Vigo, en colaboración co centro APAC, de persoas con parálise cerebral. Facilitan gratuitamente a persoas con limitacións de calquera parte do mundo facer o Camiño de Santiago. Se non podes pedalear coas túas pernas, podes facelo cos brazos. Se os brazos tampouco van, pois póñenche unha cadeira e outra persoa vai pedaleando por ti; pero vives e sentes o que é o camiño.

-Como foi a experiencia?

-Tremenda. Impresionante. Arrancamos en Salamanca con 500 quilómetros por diante para facer en sete días. Gravabamos todo; a maior parte dende a propia bicicleta que eu levaba. Viñémonos impresionados porque houbo días de 70 quilómetros nos que esas persoas, con distintas capacidades, e maioritariamente con parálise cerebral, cumprían perfectamente e era eu o que menos podía. Pero sobre todo saímos impresionados polo que aprendes e descobres cando convives as 24 horas e falas con eles en plano de igualdade.

-Cal é o obxectivo que persegue?

-Por un lado difundir o extraordinario traballo que fan neste colectivo de Discamino pero, sobre todo, que este proxecto audiovisual aporte un valor humano e de cambio na visión social. A sociedade quere axudar á discapacidade pero fáltalle aprender a mirar, ver á persoa que hai trala discapacidade. Nos non vendemos reality, non sacamos pornografía sentimental nin sensacionalismo barato.

-Cando se poderá ver?

-Agora queda montar todo o material pero a intención é que podamos facer a estrea en marzo do ano que vén.

-En setembro estrean tamén en Madrid unha ensinanza enfocada a inclusión destes colectivos.

-Tras o éxito do documental Máis ca vida, dende Claqueta Coqueta puxemos en marcha un equipo para facilitar a inclusión a través do cine. Isto levounos a participar nunha convocatoria de Fundación Once que nos elixiu para desenvolver este proxecto no que estamos creando a primeira metodoloxía de ensino utilizando o cine como ferramenta de inclusión social e laboral. Estamos traballando cun equipo multidisciplinar, de psicólogos clínicos, educadores sociais e xente creativa do mundo do cine, e presentarase nos cines Callao o día 27 de setembro; aínda que vai a estar presente tamén en Sevilla, en Barcelona, en Salamanca e, por suposto, en Galicia.