O número de usuarios do centro de saúde de Pereiro aumentou un 14 %

La Voz OURENSE

OURENSE

cedida

Vinte empresas aspiran a construír o novo ambulatorio licitado en 1,1 millóns de euros

15 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un total de vinte empresas aspiran a construír o novo centro de saúde de Pereiro de Aguiar, licitado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Infraestruturas, cun orzamento de 1.124.785, 87 euros.

 Trala súa adxudicación, as obras contarán cun prazo máximo de execución de 16 meses para completar o novo edificio, cunha superficie prevista de 682,17 metros cuadrados, distribuída nun vestíbulo, con capacidade para cadeiras de rodas e padiolas, onde se situará a recepción; catro consultas médicas e tres de enfermería; unha sala de exploración xinecolóxica con aseo, para desenvolver o programa da muller; sala polivalente para curas, ou cirurxía menor, e amplas salas de espera.

 Ademais da área asistencial e de atención aos usuarios, o novo centro sanitario público do Servizo Galego de Saúde disporá dunha área de traballo e persoal, con biblioteca-sala de xuntas, aseos e vestiarios, e outros espazos de servizos comúns, como aseos públicos e adaptados, xunto con almacéns de materiais e instalacións específicas para servidores ou climatización, entre outros.

 A mellora das instalacións, xunto co aumento do espazo dispoñible, libre de atrancos e cun avance evidente, en canto a accesibilidade e superficie destinada a asistencia,  posibilitará incrementar a oferta asistencial, con novos programas sanitarios de prevención e coidado da saúde, como o da muller e cirurxía menor, que contarán con salas específicas.

O cadro de persoal do centro de saúde está formado por tres médicos, dúas enfermeiras e un administrativo, dotación axeitada para dar resposta á demanda sanitaria deste concello, que experimentou un aumento de poboación nos últimos anos, pasando de 3.000 usuarios, en 2006, aos actuais 3.500, un incremento do 14%.

O Programa da Muller está centrado na súa atención integral, ao longo de toda a súa   vida, atendendo ás distintas etapas do ciclo reprodutivo, e á prevención, ou controis de saúde de patoloxías específicas. Así, o programa inclúe o asesoramento e atención, por parte dos propios profesionais do centro, sobre planificación familiar, anticoncepción ou embarazo, revisións xinecolóxicas básicas, seguemento do embarazo normal, diagnóstico precoz do cancro de mama e útero, así como complicacións da menopausia.

 Na actualidade, o Centro de Saúde de Pereiro  desenvolve xa o programa de atención a pacientes crónicos e polimedicados, que ten por obxectivo mellorar a calidade e seguridade asistencial da prestación farmacéutica, mediante o asesoramento sobre o uso de fármacos, resposta aos problemas relacionados co uso de medicamentos e continuidade terapéutica nos pacientes crónicos.

 Nesta liña, desde Pereiro séguese tamén a estratexia galega de coidados paliativos, para a atención dos pacientes que presentan enfermidades avanzadas e progresivas, así como co programa de diagnóstico e tratamento da enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC), e o de seguimento do paciente diabético.