Volven a Vilamarín as Noites Teatrais

UXÍA CARRERA / M. C.

OURENSE

Íñigo Rolán

As funcións comenzarán o luns

07 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Do 9 ao 13 de xullo • 22.30 horas • Entrada libre • O vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, o alcalde e a concelleira de Cultura de Vilamarín, Amador Vázquez e Marina Rodríguez, presentaron na capital unha nova edición do festival de dramaturxia que se celebra cada ano, desde hai trinta e un, neste concello. Esta clásica exhibición contará coa participación de cinco grupos de teatro galegos. Será do luns ao venres da próxima semana, sempre ás 22.30 horas.

O programa de balde comezará co grupo local de Vilamarín e a obra «Os cravos de prata», para o que se engadiu un día máis de certame dende o ano pasado. «Fixémolo para darlle un espazo aos veciños», explicou a concelleira de Cultura. O segundo día estará, por terceiro ano, a Aula de Teatro Universitario de Ourense, Maricastaña, cun elenco formado tamén por xente de Vilamarín, reproducindo a peza «As ondas das pedras no río». O día 11 poderase gozar por segunda vez da formación de Caldas de Reis, Ibuprofeno Teatro, con «Casa O’Rei», «un dos mellores espectáculos que se fixeron en Galicia», apuntaba Marina Rodríguez.

O xoves 12 será a quenda de Sarabela Teatro coa función de «O rei morre», definida pola concelleira como «fresca e divertida, ideal para unha noite de verán». O peche do festival virá da man do grupo Contraprodución, de Vedra, coa obra «Fillos do sol», sobre os últimos anos da vida do poeta Eduardo Pondal, vistos dunha forma diferente. «Todos estes espectáculos estiveron presentes na Feira de Teatro en Santiago, polo que estamos na culme da escena galega», concluíu a concelleira.

Os 31 anos ininterrompidos deste certame clásico veñen acompañados de innovación ao darlle a oportunidade aos veciños «de ser actores activos e vivir persoalmente a experiencia de ser intérpretes», como apuntou o vicepresidente da Deputación.

«A xente que vén a Vilamarín sempre quere volver pola a cultura que hai de teatro, de saber estar, de atención e de participación», destacou pola súa banda o alcalde, que aposta un ano máis por esta mostra de teatro soamente local, para «facer galeguismo e facer Galicia».

O aforo está compostos das 300 butacas do auditorio, ás que se suman un cento de cadeiras a maiores. E a experiencia dos veráns anteriores di que non sobra ningunha.