«Para moitas familias segue sendo difícil chegar a fin de mes»

Fina Ulloa
fina Ulloa OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Agostiño Iglesias

Felipe Ferreiro, presidente da entidade, advirte que segue a haber moitos ourensáns en situación vulnerable

07 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado trece de xuño cumpríronse tres anos dende que Felipe Ferreiro tomou posesión da presidencia provincial da entidade benéfica e asistencial. Quédalle un exercicio para cumprir co mandato asumido e asegura que non ten pensado repetir.

-¿Cal é o motivo desa decisión?

-O meu compromiso foi por catro anos e eu son partidario de que se debe renovar. Non se pode estar moito tempo nos cargos; incluso cando, como neste caso, é algo voluntario e altruísta que non ten nada que ver con dedicación horaria nin retribución algunha. E o certo é que isto require moita dedicación, e aínda que haxa un equipo de traballadores e voluntarios que son os que a fan funcionar.

-¿Pesa máis do que parece dende fora?

-Esta é unha empresa complexa, con moitos programas, moitas actividades, moitos traballadores e moitas actividades e, ás veces, sobre todo cando recibes negativas ou non atopas a resposta que buscas cando lidias coas administracións, por exemplo, o único que che paga a pena e te impulsa a seguir é pensar nas persoas as que se axuda. Pero conste que non me arrepinto de haber aceptado e orgulloso de que contaran comigo.

-As cifras din que as necesidades dos oruensáns non baixan pese a teórica saída da crise. ¿Pensa que están ben de efectivos para seguir dando resposta?

-Segue habendo un número considerable de persoas que viven en situacións bastante difíciles; non só por non ter traballo, senón mesmo que si traballan pero que o salario é moi axustado para facer fronte as necesidades básicas. Para moitas familias segue sendo difícil chegar a fin de mes. Pero eu penso que si estamos ben dimensioados, inda que sempre podía necesitarse nalgún caso a algunha persoa máis, porque é certo que hai servizos que están moi xustos e incluso fan horas de xeito voluntario polas tardes para que saia adiante, tampouco queremos cargarnos demasiado de persoal, porque entendemos que hai que buscar os equilibrios. O persoal é necesario para atender as persoas, pero non podemos consumir o presuposto só en plantilla.

-¿Qué foi o mellor e o peor?

-Sempre hai situacións delicadas e momentos de dificultade e de desacougo, pero cando ves os resultados, compensa. Na parte positiva da balanza está por exemplo a satisfacción cando imos a unha empresa para que se faga socia e din que si; ou o encontro anual do voluntariado, porque son persoas altruístas que se entregan de verdade, e esenciais para poder facer todo o que facemos. Tamén cando recibes unha gran colaboración, como a que temos pro exemplo coa Deputación de Ourense, que financia proxectos específicos das asembleas comarcais.