«Nos primeiros anos o movemento é a forma de comunicarse dos nenos»

Ana Cuiñas OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Íñigo Rolán

A educadora Eva Gómez incide na necesidade de crear espazos para que os máis pequenos desenrolen as capacidades vitais a través do xogo

04 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Eva Gómez foi a elexida por Manaia para desenrolar o obradoiro que se realizou onte no Centro Cívico A Ponte, onde fixo unha exposición de dúas horas sobre a importancia da creación dun ambiente de xogo único para os máis cativos e da psicomotricidade vivenciada.

-¿En que consiste exactamente o termo de psicomotricidade vivenciada?

-A psicomotricidade vivenciada é a creación dun espazo onde o neno poida efectuar todas as súas necesidades vitais a través do xogo e do pracer sen sentirse cohibido nin presionado por alguén.

-¿Cal é o obxectivo deste tipo de actividade?

-Sobre todo nos seus primeiros anos de vida, o movemento é a forma de comunicarse dos nenos; non posúen ningunha outra. A psicomotricidade vivenciada busca analizar, mediante o seu comportamento na sala, cos obxectos que o rodean, cos demais nenos e incluso co psicomotricista, o desenvolvemento deste e a súa vez comprender os seus desexos, medos e frustracións.

-¿Estas prácticas realízanse en conxunto, con varios nenos ou individualmente?

-Existen tres niveis de psicomotricidade vivenciada. Unha terapéutica, para nenos que presentan algún tipo de dificultade no seu desenvolvemento; o segundo baséase no traballo grupal posto que son nenos que sofren algún tipo de dificultade pero se ven beneficiados pola agrupación; e o terceiro son unhas sesións educativas que consisten no acompañamento na maduración psicolóxica do neno. A finalidade case sempre é formar un grupo, porque o que pode facer un neno por un neno non o fai un adulto. Os nenos teñen un nivel de conexión distinto.

-¿É a psicomotricidade vivenciada unha actividade proveitosa tamén para os pais e as nais?

-Por suposto, ademais de que o neno desenvolve unha situación de benestar, a psicomotricidade vivenciada aportaralles aos seus fillos dinámicas de xogo que lles axudarán a comprender as necesidades do meniño.

-¿Esta actividade pode realizarse en calquera lugar ou precisa dun entorno específico?

-É importante que se realicen nun entorno adecuado e equipado para este tipo de prácticas. Ademais disto a creación dun ambiente de confianza e diferenciado aportaralle aos nenos una sensación de liberdade e calma.

-¿Conta con este espazo?

-Actualmente non, pero en setembro, xa o terei. Estará situado na Avenida de Portugal, número 59.